O BOLETÍN “AS7PARROQUIAS” XA ESTÁ NA RÚA CON INFORMACIÓNS DE MOI DIFERENTE CONTIDO NESTE PRIMEIRO NÚMERO DO OUTONO

O Concello de Cedeira xa está a repartir o boletín “As7parroquias”, unha publicación institucional para informar aos veciños dos asuntos que poden ser do seu interese para coñecer aínda mellor a realidade cultural, social e municipal da poboación na que viven.

Neste último número a veciñanza ten moitas noticias, desde as intervencións que está a acometer o equipo de goberno na recta final do ano ata os contidos da reforma do edificio da biblioteca para facelo accesible para todos, ademais de ser un proxecto innovador en outros moitos aspectos.

A reportaxe sobre o labor que desde hai anos realiza a Asociación de Pais e Nais Picapeixe do colexio Nicolás del Río tamén axuda a comprender mellor a importancia destas entidades á hora de detectar necesidades, crear recursos e reclamar ante as administracións.

O boletín de outubro recolle así mesmo a iniciativa do Concello en materia de normalización lingüística coa intención de introducir o galego entre o sector da hostalería e mesmo nas familias. A mobilización en demanda dunha sanidade pública de calidade tamén ten un oco nunha publicación na que se dá conta ademais das campañas de limpeza ás que foi sometido o río Condomiñas, de que o equipo de goberno xa ten listo o proxecto básico e de execución para a ampliación da escola infantil e das previsións que apuntan que ata o ano 2018 teranse investido en Cedeira máis dun millón de euros en obras de saneamento.

Pode consultar o novo número de “As7parroquias” na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Boletín nº 8 “As7parroquias” novembro