O AUDITORIO ACOLLE ESTE DOMINGO A REPRESENTACIÓN DA OBRA DE MANUEL MARÍA A LÚA VAI ENCUBERTA
O Auditorio de Cedeira acolle este domingo a representación da obra A lúa vai encuberta, un texto de Manuel María que por primeira vez é posto en escea polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. A peza xira arredor da historia de Galicia e a súa loita por conformar unha identidade propia, partindo do Estatuto de Autonomía do 36, truncado polo golpe de estado, e chegando ata a transición democrática. A función comezará ás 20.00 horas.
“A lúa vai encuberta” é un texto que o autor chairego escribiu nos anos setenta e que non chegou a representarse. Incendiaria, unha compañía que se define como plataforma artística para a investigación arredor da creación escénica contemporánea, e A Quinta do Cuadrante, un grupo que sitúa como prioridade a procura de espectáculos nos que dialoguen diferentes disciplinas, uniron sus forzas para representala. A obra estreouse en Ourense en setembro de 2021, despois de gañar o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.
A montaxe ten a Tito Asorey na dirección e a Vanesa Sotelo encargada da dramaturxia. Ambos os dous actúan xunto con Davide González e Melania Cruz.