Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GRUPO SOCIALISTA NO PARLAMENTO INSTA Á XUNTA A ASUMIR A CUBERTA DO PATIO DO CEIP NICOLÁS DO RÍO

O grupo do PSdeG-PSOE no Parlamento galego instou hoxe á Xunta, a través dunha pregunta formulada na Comisión de Educación, a asumir a contrución dunha cuberta no patio do CEIP Nicolás do Río que empregan os nenos e nenas de quinto e sexto de Primaria. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, desprazouse hoxe ata o Pazo do Hórreo para seguir a sesión, na que a parlamentaria socialista Noa Díaz recordou que o Concello ten reclamado esta obra hai máis dun ano e lle afeou ao goberno galego a súa negativa a manter un encontro cos responsables locais para abordar as necesidades do colexio.

A representante do PSdeG-PSOE explicou que o pleno do Concello de Cedeira aprobou por unanimidade xa a comezos do pasado ano 2021 unha moción instando á Xunta de Galicia a asumir a construción da cuberta para o patio, “facéndose eco de toda a comunidade educativa”. Destacou tamén na súa intervención que o Concello está disposto a colaborar asumindo a reparación do pavimento deste patio, e mesmo coa instalación de novos xogos no patio do Areal.

Aludiu tamén a socialista a que a petición que formulou o Concello de Cedeira vai dirixida a cubrir este patio, que empregan os nenos e nenas de quinto e sexto de Primaria, facendo del un espazo para a educación inclusiva e en igualdade, fuxindo do tradicional modelo de xogo monopolizado polas canchas de fútbol ou baloncesto. O espazo, subliñou Noa Díaz, “está sendo na actualidade infrautilizado, pois non está cuberto, o que complica o seu uso na maioría do tempo dada a climatoloxía” .

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira ten acometido diferentes actuacións nos últimos anos que non son unicamente de mantemento senón que foron máis alá en moitos casos. Así, o pasado verán a administración local asumiu o 50% da obra de renovación do pavimento de caucho do chan da zona de xogos de Infantil (uns 10.000 euros dos 20.000€ que custou a intervención), e no ano anterior xa se intervira para adecuar outra zona de xogos e facilitar a separación de grupos durante a pandemia. Igualmente, o Concello contratou a instalación dun teito de abrigo no corredor de acceso ao colecio, instalou novos xogos no parque de Infantil, transformou un vello patio nun horto urbano e mellorou a iluminación do polideportivo do colexio, ademáis de colaborar noutras cuestións como foi o reparto de máscaras e xel hidroalcohólico á comunidade educativa, a realización dun mural no peche do centro e a organización de diferentes actividades.