Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Novos pasos para materializar a mellora da estrada entre Valdoviño e Cedeira

NOVOS PASOS PARA MATERIALIZAR A MELLORA DA ESTRADA ENTRE VALDOVIÑO E CEDEIRA

A ansiada mellora da estrada entre Valdoviño e Cedeira (AC566), na que levan traballando a Xunta de Galicia e os concellos de Cedeira e Valdoviño durante os últimos catro anos, está hoxe máis próxima a se converter nunha realidade.

Os alcaldes Pablo Moreda e Alberto González mostraban a súa satisfacción pola publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio da Axencia Galega de Infraestruturas polo que se somete a exposición pública a primeira fase do proxecto construtivo, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polas obras.

O proxecto, coinciden Moreda e González, busca esencialmente mellorar a mobilidade, reforzar a seguridade viaria e reducir os tempos de percorrido entre os dous municipios, favorecendo así a súa conexión coas principais cidades galegas e facilitando a circulación aos veciños e veciñas das dúas localidades.

É un obxectivo no que os concellos de Cedeira e Valdoviño levan traballando catro anos cóbado con cóbado coa Administración Autonómica, a través de diversas reunións entre políticos e técnicos. Así, esta primeira fase da intervención contempla habilitar tres carrís practicamente en todo o tramo entre o Carballal –saída da parroquia de Valdoviño, á altura da estrada provincial que dá acceso ao CPI Atios- e A Ramalleira, en Pantín. En concreto, en tres treitos de 800 metros cada un que cubren case que a totalidade da vía entre os dous puntos. Habilitando ese terceiro carril, os dous rexidores están convencidos, e así o avalan os informes técnicos, de que a vía gañará en fluidez e mellorarase substancialmente a mobilidade.

O prazo de execución desta primeira intervención é de dez meses e a obra saerá a licitación no primeiro trimestre do próximo ano, tal e como apuntou onte a conselleira de Infraestrutura e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha comparecencia pública en Ferrol.

Ademais, concellos e Xunta xa traballan na redacción dunha segunda fase, que incorporará dúas importantes propostas trasladadas por Cedeira e Valdoviño. O proxecto apunta que se habilitará un terceiro carril na estrada ao seu paso pola parroquia de Esteiro para facilitar os adiantamentos e proponse así mesmo a mellora da intersección da estrada á altura do vial que dá acceso ao CPI Atios. Un cruce a renovar, tanto en condicións de visibilidade como de control de velocidade, e que rexistra unha alta densidade de tráfico.

(Imaxe: Diario de Ferrol)