CEDEIRA REPARA DÚAS FONTES COMO INICIO DUN PLAN DE RECUPERACIÓN DA ARQUITECTURA POPULAR

O Concello de Cedeira iniciou unha campaña de conservación da arquitectura popular poñendo en valor as fontes Fernando Lago e da Area. Estas dúas construcións foron sometidas a traballos de saneamento e de pintura, tanto interior como exterior, para evitar que cheguen a desaparecer.

O goberno municipal entende que as fontes e lavadoiros, ademais de ser de utilidade pública, chegaron a desempeñar unha función social, por tratarse dun espazo de reunión de moitas mulleres sobre todo no ámbito do rural. É precisamente neste valor histórico-patrimonial no que se fixa o executivo local para acometer unhas intervencións que se trasladarán a outros puntos do territorio local. De feito, o Concello xa está a actuar na fonte de Saíñas, situada na rúa Pomthus, e cuxa recuperación inclúe un tratamento para a eliminación de humidades, a consolidación das pedras de granito, traballos de pintura e de iluminación.

Desde o Concello de Cedeira demándase agora á veciñanza que recoñeza ese valor patrimonial de fontes e lavadoiros evitando o súa deterioración con pintadas e danos nunhas construcións que “son testemuños da propia historia local”.

Os traballos que afectaron ás fontes de Fernando Lago e da Area foron executados pola empresa José Antonio Vergara Ríos e tiveron un custo de 2.701,40 euros (IVE incluído).