Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O pleno vén de nomear ao catedrático Porto Dapena fillo adoptivo do Concello de Cedeira

O PLENO VÉN DE NOMEAR AO CATEDRÁTICO PORTO DAPENA FILLO ADOPTIVO DO CONCELLO DE CEDEIRA

O catedrático José Álvaro Porto Dapena vén de ser nomeado fillo adoptivo de Cedeira polo pleno que a corporación municipal celebrou onte, sendo esta a primeira vez que o Concello toma un acordo destas características. A decisión foi adoptada por unanimidade.

O goberno municipal xustifica o nomeamento, segundo a instrutora do asunto, a concelleira María Xosé Rodríguez López, “polo dilatado currículo académico de Álvaro Porto Dapena e polo seu amor polo pobo cedeirense, manifestado en innumerables ocasións, ben a través dos seus estudos, ben a través das súas charlas, ben a través do seu sorriso amable e amigo, que fai que o queiramos homenaxear como un veciño distinguido da nosa vila”.

A elección vital de vir vivir a Cedeira, así como a súa afabilidade e a súa boa disposición á hora de colaborar con entidades ou persoas en diferentes eventos socioculturais tamén son outros argumentos que, segundo os responsables municipais, fan de Porto Dapena valedor dunha distinción que se fará oficial coa celebración dun acto para o que se está a barallando varias datas.

José Álvaro Porto Dapena, nado na parroquia de San Xiao (Narón) en 1940 é filólogo e profesor universitario galego, ademais de membro da Real Academia Española de la Lengua. Porto Dapena licénciase en 1967 en Filoloxía Románica, acadando o doutoramento na Universidad Complutense de Madrid en 1972, onde traballa como docente ata 1997, ano no que se traslada a Galicia para facerse cargo da cátedra de Lengua Española da Universidade da Coruña.

Tamén traballou no Seminario de Lexicografía da Real Academia Española colaborando na elaboración do seu Diccionario Histórico e no Diccionario de construcción y régimen de R. J. Cuervo, onde redactou a meirande parte do tomo III. Participou con outros autores no “Diccionario Coruña de la lengua española actual: planta y muestra”, ao tempo que o dirixiu. É un bo coñecedor do galego -lingua á que tamén dedica algúns traballos, entre outros o estudo toponímico sobre o concello de Cedeira- e colaborador habitual no Diario de Ferrol, onde escribe todos os domingos un espazo titulado “Con nome propio” no que trata, preferentemente, a toponimia da comarca de Ferrol.