Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA INAUGURA NESTE 8M O PUNTO LILA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL CON LECTURAS DE TEMÁTICA FEMINISTA

As celebracións do 8M en Cedeira van incluír un ano máis a entrega do premio Muller da Vila, que concede a Asociación de Mulleres da Vila. Desta volta recae na xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), un equipo formado fundamentalmente por mulleres que é “un exemplo de superación e de esperanza para as persoas que enfrontan a enfermidade”, en palabras de Ángeles Villar, presidenta de Mulleres da Vila. Xunto con este acto que organiza a entidade co apoio do Concello e que será o día 12 no Auditorio Municipal, ás 18.00 horas, o goberno local programou para o día 8 un acto institucional e a inauguración dun Punto Lila na Biblioteca Municipal López Cortón con lecturas de temática feminista dirixidas a todas as idades.

Así, e tal como informou a concelleira Carmela Prieto, o Día Internacional da Muller conmemorarase coa lectura dun manifesto de reivindicación da igualdade en todos os eidos. O acto será ás 12.00h diante do consistorio e contará cun acompañamento musical a cargo dunhas rapazas do IES Punta Candieira e dun grupo da Escola de Música Vila de Cedeira. A continuación, os participantes acudirán á Biblioteca Municipal López Cortón para inaugurar o Punto Lila, no que se van concentrar diferentes lecturas relacionadas coa igualdade entre xéneros, tanto contos para o público infantil como libros para a mocidade ou as persoas adultas. A biblioteca reúne neste espazo tanto volumes que xa formaban parte dos seus fondos como outros novos que mercou o Concello para enriquecelo.

Para o día 11, venres, o Concello ten previsto celebrar neste Punto Lila e tamén no marco da programación do 8M a presentación do libro Comezar desde cero: Voces de mulleres rescuperando as súas vidas, obra de Tania Merelas. A obra é a culminación da tese doutoral desta educadora social, socia e traballadora de Arabías, unha cooperativa centrada precisamente no desenvolvemento de proxectos ligados ao avance da igualdade e á erradicación das violencias machistas.

Por outra banda, o Concello súmase á homenaxe que fai a Asociación Mulleres da Vila á xunta local da AECC, que tal e como explica Ángeles Villar ten en Cedeira un perfil fundamentalmente feminino, tanto polas mulleres que están na directiva como polas voluntarias que colaboran con elas. Entre todas, comentou, desenvolven unha intensa labor informativa, “que é especialmente importante pola proximidade e porque elas mesmas viviron a enfermidade e ofrecen un testemuño esperanzador”.

Teresa Beceiro é a presidenta da xunta local da AECC, a cabeza dunha directiva na que tamén está Masé García e coa que colaboran Juana Bellón e outras voluntarias. Tal como explica, a xunta local constituiuse hai cinco anos e o seu traballo é informar e sensibilizar, así como recadar fondos para a investigación, que é o mellor camiño para mellorar o diagnóstico. “Facémolo para sentírmonos mellor con nosoutras mesmas”, conta Teresa Beceiro, que lembra que todas son mulleres que pasaron ou que teñen a doenza.