Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DOUS VECIÑOS DE CEDEIRA VIAXARÁN MAÑÁ Á FRONTEIRA DE UCRANIA PARA LEVAR AXUDA E TRAER REFUXIADOS

Dous veciños de Cedeira, Juan García e Rafael Fernández Pio, van iniciar mañá ás 12.00h. unha viaxe por carretera ata a fronteira de Ucrania para axudar á poboación que está a fuxir da guerra e ofrecer sete prazas na viaxe de volta a persoas que queiran regresar e atopar refuxio na vila. Desde o Concello faise un chamamento á veciñanza que queira ou poida achegar esta tarde ao Polideportivo Municipal os materiais que máis está a demandar o colectivo de refuxiados.

Tal como explicou Juan García, son necesarios medicamentos de uso común e vendas, así como alimentos non perecedeiros enlatados (non envasados en cristal); pañais, leite e outros artigos para o coidado de bebés; así como sacos de durmir e esterillas. O alcalde Pablo Diego Moreda Gil dixo que o Concello de Cedeira vai colaborar tamén e facer unha doazón.

Os dous veciños que van a emprender mañá a viaxe contan cunha furgoneta de nove prazas, cedida por Hermanos García Yáñez, na que poderán traer de volta ata a sete persoas. Contan, xa de partida, co ofrecemento de dúas familias de Cedeira, Villar Martínez e a de Rafael Fernández Pio, que facilitarán vivenda aos refuxiados á súa chegada á vila.