Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ESTENDE A EXENCIÓN DA TAXA DE TERRAZAS AOS NEGOCIOS DE HOSTALERÍA ATA DECEMBRO DE 2022

O pleno da corporación de Cedeira aprobou por unanimidade na súa última reunión unha proposta para suprimirlles aos negocios de hostalería a taxa que pagan pola instalación de terrazas no espazo público. “Queremos, dentro das nosas posibilidades e pese a que as administracións locais estamos a traballar con recursos moi limitados, estar a carón da veciñanza e do tecido empresarial, axudándolles a superar as dificultades que trouxo a covid-19”, explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quen recordou que durante o pasado 2020 o Concello tampouco cobrou dita taxa.

A providencia ditada pola Alcaldía para estender a exención de pago pola instalación de mesas e cadeiras no espazo público contou co consenso de todos os grupos. A medida estará en vigor ata decembro de 2022 e ten os informes favorables do arquitecto técnico, intervención e tesourería. Agora, o acordo someterese a exposición pública e entenderase definitivamente aprobado a continuación, no caso de non presentarse alegacións.

Ao fío deste anuncio, desde o goberno local recordan que ata o vindeiro 14 de agosto está aberto o prazo de presentación de solicitudes para as novas axudas-covid, que o Concello de Cedeira convocou recentemente, con 70.000€ de dotación, coa intención de chegar a aqueles negocios que quedaran fóra do programa PEL Reactiva. Con anterioridade, o Concello de Cedeira artellara unha primeira liña de axudas, con fondos exclusivamente municipais, que achegou 76.750€ a 112 microempresas e autónomos da localidade, e participou tamén no programa PEL Reactiva – 80% da Deputación e 20% muninicipal-, que repartiu máis de 135.000€ en 62 empresas da localidade.