Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira e moeche volven ir da man na promoción dos territorios polos seus recursos xeolóxicos

CEDEIRA E MOECHE VOLVEN IR DA MAN NA PROMOCIÓN DOS TERRITORIOS POLOS SEUS RECURSOS XEOLÓXICOS

As xeorutas en Cedeira comezarán o día 1 de xullo, mentres que en Moeche o farán o 8.

Os concellos de Cedeira e Moeche ofrecen de novo as xeorutas para dar a coñecer e poñer en valor o seu patrimonio xeolóxico no marco do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. Un ano máis estes dous municipios ofrecen unha presentación conxunta das saídas: a primeira tenente de alcalde de Cedeira, María Xosé Rodríguez Pérez e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, compañadas do xeólogo Francisco Canosa, deron a coñecer o programa que se desenvolverá nos dous concellos durante os meses de verán.No caso de Cedeira, as saídas comenzarán o día 1 de xullo e rematarán o 12 de setembro.

Manteñen o seu carácter gratuíto e como novidade este ano, ademais das exitosas xeorutas dos cantís, do cromo, do granate e da praia de areas negras, introdúcese a xeoruta do litoral.

O obxectivo principal deste novo percorrido é facilitar a visita ao xacemento arqueolóxico do monumento con forno localizado no 2017 no castro de Punta Sarridal.
A concelleira de Cultura e Turismo de Cedeira e o xeólogo Francisco Canosa coincidiron á hora de destacar tanto a relevancia do monumento como a importancia de incluílo nun dos trazados das xeorutas dentro das actividades do proxecto do xeoparque. “É todo un luxo poder coñecer e gozar do noso contorno a nivel xeolóxico e tamén arqueolóxico” manifestou María Xosé Rodríguez, para engadir que “as xeorutas guiadas que ofrece o Concello de Cedeira están a disposición de toda a veciñanza e visitantes, para que poidan coñecer e desfrutar o noso patrimonio xeolóxico e agora tamén cunha mostra do arqueolóxico”.

Desde Moeche son dous os puntos que se dan a coñecer con estas xeorutas, a Mina Piquito e as canteiras de toelo, a “pedra de Moeche”. Darán comezo o 8 de xullo e rematarán o 1 de setembro. Dúas delas dedícanse á Xeoruta do toelo, que inclúe a visita ao Castelo de Moeche, e as outras doce xeorutas correspóndense coa Mina Piquito, un interesante percorrido guiado que se interna na derradeira mina subterránea de cobre que pechou en Galicia, contra o ano 1969, e permite observar excepcionais formacións de estalactitas e estalagmitas de cor azul, verde, branca,
marrón e negra. As visitas desenvólvense da man do xeólogo Francisco Canosa e, en palabras da alcaldesa, Beatriz Bascoy, “permiten ampliar a oferta turística do concello e da comarca a través do coñecemento non só do patrimonio xeolóxico, tamén da forma de vida en epocas non moi afastadas en Moeche e dunha dura profesión.”

Información na seguinte ligazón http://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/