O II festival de música Galego-Portuguesa comeza hoxe en Cedeira con actividades e concertos
O II FESTIVAL DE MÚSICA GALEGO-PORTUGUESA COMEZA HOXE
EN CEDEIRA CON ACTIVIDADES E CONCERTOS
Hoxe comeza en Cedeira a segunda edición do Festival de Música Galego-Portuguesa, unha magnífica oportunidade para descubrir a cultura lusófona a través da música, charlas e espazos creativos, segundo se pon de manifesto desde o equipo de goberno.
O programa arrinca coa celebración dun obradoiro de danza africana que, a partir das 18.00 horas, terá lugar na sala Áncora e será impartido por María Coutinho, coa colaboración do grupo Buxainas.
A actividade trasladarase a continuación ao palacete municipal, onde o profesor de lingua portuguesa na Escola Oficial de Idiomas da Coruña José Luís Fernández impartirá a charla que leva por título “O português no mundo da comunicaçâo”. Será ás 19.00 horas.
A primeira xornada, das tres que dura o festival en Cedeira, pechará coa celebración do concerto que, ás 22.00 horas, terá lugar no auditorio municipal. A entrada é libre e gratuíta.
O Concello de Cedeira invita á veciñanza e en xeral aos veciños de toda a comarca a sumarse a unha iniciativa coa que se quere estreitar lazos de comunicación e amizade con Portugal, así como contribuír a difundir a cultura común que existe entre ámbolos dous países e que ten como fío común a lingua.