Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Éxito da rapa da Capelada deste ano garante a continuidade da celebración

ÉXITO DA RAPA DA CAPELADA DESTE ANO GARANTE A CONTINUIDADE DA CELEBRACIÓN

A Asociación San Andrés de Teixido Eventos volverá a estar ao fronte.

O éxito de asistencia e participación na rapa das bestas celebrada o día 3 na serra da Capelada leva aos seus organizadores a pensar xa nunha nova edición. Así o confirma o presidente da Asociación San Andrés de Teixido Eventos, Jorge Bellón Rodríguez, que agradece a colaboración de veciños, Concello, comerciantes e do pobo de Cedeira en xeral na recuperación dunha tradición que, por distintas razóns, “se atopaba en horas baixas”. O ano
pasado non houbo.

A axuda recibida, segundo Bellón Rodríguez, vén de confirmar a interese que existe por parte da xente de Cedeira en conservar unha cita que foi referencia a nivel autonómico, polo que o presidente da entidade tamén se mostrou moi contento e comprometido en poñerse de novo ao fronte da festa para garantir a súa celebración dentro do calendario festivo local.

“Falei con xente maior que non recordaba unha rapa con tantas bestas, unhas 230, apuntou o presidente da Asociación de San Andrés de Teixido Eventos, que tamén destacou que a organización do programa se conseguiu nun tempo récord, catro meses, e recoñeceu que houbo certa intranquilidade por ter que mudar a data da convocatoria polos compromisos laborais da maioría das oito persoas que formaron parte da comisión organizadora. A festa viña sendo a finais de xullo.

Os resultados e as felicitacións recibidas nos últimos días levan a Jorge Bellón a pensar que o pobo de Cedeira “está contento pola recuperación da festa e aínda se implicará máis na próxima”.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, sumouse aos agradecemento da organización “ás moitas persoas que contribuíron á recuperación desta festa, que ten moitos afeccionados e que, ademais, xoga un papel moi importante no que ao saneamento do gando se refiere”. Moreda Gil tamén recoñeceu a intención do goberno local de seguir colaborando coa Asociación San Andrés de Teixido Eventos para que non se perda unha festa de moita tradición.