Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira convoca para o día 25 o certame de pintura rápida, que este ano chega a súa quinta edición

CEDEIRA CONVOCA PARA O DÍA 25 O CERTAME DE PINTURA RÁPIDA, QUE ESTE ANO CHEGA A SÚA QUINTA EDICIÓN

O Concello de Cedeira vén de convocar o Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira, que este ano chega a súa quinta edición e que se celebrará o día 25 do presente mes de agosto.

Trátase dunha convocatoria aberta á participación de afeccionados e profesionais, que este ano repartirá un total de 1.800 euros en premios. Así, a devandita cantidade repartirase entre os 800 euros que recibirá o primeiro clasificado, os 600 cos que se premiará ao segundo e os 400 que a organización entregará ao terceiro.

O concurso dará comezo ás dez da mañá e rematará ás cinco da tarde. As persoas interesadas deben apuntarse, antes das 10.00 horas, no punto de información turística situado na praza da Marieta.

A decisión do xurado, que estará integrado polos pintores Adrián Taracido e Jane Danko e a música e concelleira de Cultura Ermitas García, darase a coñecer ás seis da tarde na sala Áncora, onde permañecerán expostas as obras ata as oito da tarde.

O equipo de goberno anima a veciños e turistas a participar nunha convocatoria na que o ano pasado tomaron parte un total de 14 artistas e da que resultaron gañadores Andrés Gabarres, Roberto Castro e Pío Costa.