Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira acollerá un partido de fútbol internacional entre equipos locais e xogadores do Miami

CEDEIRA ACOLLERÁ UN PARTIDO DE FÚTBOL INTERNACIONAL ENTRE EQUIPOS LOCAIS E XOGADORES DO MIAMI

Cedeira estase a preparar para recibir nuns días a uns 100 estadounidenses con motivo da celebración de encontros de fútbol nos que os equipos do Cedeira SD- nas modalidades de alevíns, cadete e xuvenil- se enfrontarán aos do WSF All Star Miami Cup.

Os partidos serán o domingo 24 de febreiro en horario de dez da mañá a doce e media do mediodía. As competicións terán lugar no campo municipal O Beco e a iniciativa, para a que o equipo local conta coa axuda do Concello e da Deputación, dará lugar así mesmo á celebración dun Campus de Fútbol, que se desenvolverá tanto o venres como o sábado desa mesma semana.

En total viaxarán desde Miami uns 60 menores, que virán acompañados de adestradores e mesmo de algúns pais. Esta é a segunda ocasión na que a vila de Cedeira acolle un partido “Amigable Internacional”, co que se favorece o intercambio deportivo e se axuda a crear vínculo entre ambas comunidades.

O presidente do Cedeira SD, David Abella Bouza, confirma que tamén existe a intención de facer a viaxe á inversa cara ao 2020, de maneira que os xogadores locais poidan tomar contacto con outra sociedade e outra cultura deportiva.