Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVIZOS

Melloras de pasos de peóns e reparación de beirarrúas, dúas novas actuacións do Concello para optimizar a accesibilidade viaria

MELLORAS DE PASOS DE PEÓNS E REPARACIÓN DE BEIRARRÚAS, DÚAS NOVAS ACTUACIÓNS DO CONCELLO PARA OPTIMIZAR A ACCESIBILIDADE VIARIA

Dúas novas actuacións no ámbito da seguridade viaria son as que está a acometer o Concello de Cedeira na avenida de Castelao -principal acceso de entrada á vila- e na rúa Rosalía de Castro -travesía moi transitada e situada no centro urbano da localidade-, por tratarse dunha das prioridades do goberno municipal.

A obra que se está a executar na avenida Castelao pasa por mellorar tanto o seu estado actual como a accesibilidade de tres pasos de peóns situados nos puntos quilométricos 29+630, 29+715 e 29+794 da estrada AC-566. A obra, que foi contratada por importe de 5.657 euros (IVE incluído) á empresa Construcciones Rúa Floreal SL e que conta cun informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas, consiste na mellora das ramplas de acceso e na colocación de baldosas de cor vermello.

Pola súa parte, a intervención da rúa Rosalía de Castro consiste na reposición dun tramo de beirarrúas moi deteriorado, polo que será demolido para, a continuación, ser reconstruído coa instalación de 154 m2 de plaqueta e outros 75 máis lineais de bordo de granito. A empresa Prieto Mouriz SL está a ser a encargada da realización duns traballos contratados por 14.401 euros (IVE incluído).

 

Cedeira substitúe outras 42 luminarias de vapor de sodio para levar a tecnoloxía led desde a ponte vella ata o casco vello

CEDEIRA SUBSTITÚE OUTRAS 42 LUMINARIAS DE VAPOR DE SODIO PARA LEVAR A TECNOLOXÍA LED DESDE A PONTE VELLA ATA O CASCO VELLO

O Concello de Cedeira está a piques de completar a colocación de luminarias de tecnoloxía led desde a ponte vella ata o casco vello.

O equipo de goberno vén de adxudicar á empresa Hallmann Energy, por importe de 14.821,48 euros, a substitución de 42 luminarias máis de vapor de sodio (VSAP) por outras menos contaminantes e máis eficientes desde o punto de vista do aforro enerxético. Esta actuación completa a executada hai poucas datas nas rúas Ezequiel López, Mariñeiro e Real. Nesa anterior ocasión foron 69 puntos de luz e o investimento superou os 27.000 euros.

O goberno reitera o seu compromiso co medio ambiente e coa optimización dos recursos públicos, unha política encamiñada a obter unha reducción da cantidade de enerxía consumida, que pode chegar a ser dun 70%, para un mesmo nivel de actividade. As luminarias de tecnoloxía led non teñen mercurio e alcanzan unha maior vida útil. O Concello acomete estas obras a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

 

Cedeira substitúe 69 antigas luminarias por outras de tecnoloxía led en rúas do casco vello da vila

CEDEIRA SUBSTITÚE 69 ANTIGAS LUMINARIAS POR OUTRAS DE TECNOLOXÍA LED EN RÚAS DO CASCO VELLO DA VILA

O Concello de Cedeira vén de substituír 69 luminarias de vapor de sodio (VSAP) en rúas do casco vello por outras de tecnoloxía led de menor potencia, maior rendemento e menos contaminantes. A obra afectou ás rúas Ezequiel López, Mariñeiro e Real, por se atopar en peor estado debido á súa antigüidade.

O goberno de Cedeira é coñecedor de que o consumo de recursos enerxéticos fósiles non renovables constitúe un dos problemas medioambientais de maior importancia a nivel global. Deste xeito o Concello opta por unha política enerxética encamiñada a obter unha redución da cantidade de enerxía consumida para un mesmo nivel de actividade. O orzamento de licitación do proxecto executado ascendeu 30.250,00 euros e a adxudicación do mesmo quedou fixada en 27.164,50 euros.

As novas luminarias están exentas de mercurio, teñen unha maior vida útil e son máis eficien­tes, segundo apuntan desde o equipo de goberno.