Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

SERVICIOS SOCIAIS

O Concello financia a compra da plataforma elevadora para a furgoneta da Asociación Sobre Rodas

O CONCELLO FINANCIA A COMPRA DA PLATAFORMA ELEVADORA PARA A FURGONETA DA ASOCIACIÓN SOBRE RODAS

O Concello de Cedeira recoñece o labor que a Asociación Sobre Rodas está a facer, dándolles visibilidade e prestándolles axuda ás persoas con discapa­cidade, colaborando economicamente na adaptación do vehículo adquirido pola entidade este mesmo ano.

O equipo de goberno asegura estar moi contento co traballo que fai a asociación no ámbito local e destacou de maneira moi especial o que realizan os voluntarios, entre os que se atopan os condutores do transporte adaptado. A pesar de todo, os recursos da entidade son bastante limitados, segundo apuntan os responsables municipais.

A corporación municipal aprobaba na última sesión plenaria por unanimidade unha subven­ción, por importe de 5.131 euros, para a compra da estrutura elevadora que habilitará a furgoneta para o transporte de persoas en cadeira de rodas.

O importe da axuda concedida garante o financiamento da plataforma que, segundo a presi­denta da entidade, Malena Pérez Villar, podería entrar en funcionamento nun prazo de quince días. Este servizo aumentará considerablemente os usuarios do vehículo adaptado, cuxo núme­ro de viaxes pode ser de máis de cen ao cabo dun mes. Pérez Villar agradeceu ao Concello a sensibilidade que está a mostrar coa xente con mobilidade reducida e recordou así mesmo que o traballo que desde o Concello se está a facer no campo da accesibilidade nas beirarrúas tamén é moi importante para mellorar o día a día das persoas con problemas de mobilidade. A entidade Sobre Rodas ten arredor de 490 socios.

Cedeira firma un convenio coa ANPA do IES Punta Candieira para estimular a dinamizacion cultural e laboral da xuventude

CEDEIRA FIRMA UN CONVENIO COA ANPA DO IES PUNTA CANDIEIRA PARA ESTIMULAR A DINAMIZACION CULTURAL E LABORAL DA XUVENTUDE

O Concello de Cedeira vén de firmar un convenio de colaboración coa ANPA O Beco do IES Punta Candieira que se levará á práctica ao longo do próximo ano e cuxo importe ronda os 10.000 euros.

A firma do acordo reunía o pasado xoves nas dependencias municipais á presidente da entidade escolar, Beatriz Piñón García e máis ao alcalde, Pablo Moreda Gil, e a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez.

Despois de varias reunións nas que tamén estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais, Manuela López Rodríguez, e o concelleiro de Educación, Robustiano Labrana Barrero, -ademais do equipo directivo da ANPA O Beco- este presentoulle aos representantes municipais unha memoria detallada e orzamentada para o desenvolvemento dun Plan de Acción para o 2018.

Os obxectivos deste proxecto son estimular a dinamización cultural e laboral da xuventude, así como promover a súa integración na sociedade a través de accións lúdicas e formativas a desenvolver por medio dos seguintes programas: préstamo de libros, Voz Natura, Falamos con.., Aventúrate na creatividade, TAX (traballo Agrícola Xuvenil), Información, Promoción Sociolaboral, Promoción da Igualdade, Cinema Xuvenil e Mellora do equipamento local.

O Plan de Acción proposto pola ANPA O Beco é unha iniciativa moi ambiciosa e para o seu desenvolvemento é fundamental a colaboración económica do Concello de Cedeira. Os representantes do goberno local consideran “moi importante o labor de todas as asociacións do municipio, auténticas dinamizadoras socioculturais e agradecen neste caso á ANPA do IES Punta Candieira o seu esforzo e compromiso para levar adiante este Plan de Acción Social”.

O programa no que máis revertirá a aportación municipal será no de Promoción Sociolaboral, no que se inclúen unha serie de cursos de distinta temática entre os que destacan: Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións ou Carretillas elevadoras, taspaletas e apiladores eléctricos. O prazo de matrícula abrirase o próximo mes.

Todas as persoas interesadas en participar en calquera das distintas accións formativas que ofrece a ANPA O Beco poden achegarse á oficina da mesma no IES Punta Candieira en horario de catro a seis da tarde.

Aberto o prazo para solicitudes do programa de termalismo social IMSERSO

ABERTO O PRAZO PARA SOLICITUDES DO PROGRAMA DE TERMALISMO SOCIAL IMSERSO

O Concello de Cedeira informa de que xa está aberto o prazo para solicitar praza no programa de termalismo do IMSERSO para 2018.

Os prazos son os seguintes:

  • Para as quendas dos meses de febreiro a agosto, ambos inclusive: ata o día 4 de xaneiro de 2018.
  • Para as quendas dos meses de setembro a decembro: ata o día 11 de maio de 2018.

Inclusión na lista de espera, para cubrir as prazas que vaian quedando vacantes por renuncias ou outras circunstancias:

  • Para as quendas dos meses de febreiro a agosto, ambos inclusive: ata o día 10 de maio de 2018.
  • Para as quendas dos meses de setembro a decembro: ata o día 31 de outubro de 2018.

Para máis información, pode achegarse ata as oficinas dos Servizos Sociais municipais ou consultar a páxina web do IMSERSO na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Web do IMSERSO