Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

COMERCIO E EMPRESAS DE CEDEIRA ALENTARÁN UN ANO MÁIS AS VENDAS EN NADAL CO SORTEO DE 3.300€ EN PREMIOS

O comercio, a hostalería e en xeral pequenos negocios de todos os sectores participan un ano máis na campaña “En Nadal, en Cedeira”, que repartirá 3.300€ en premios e que vai dirixida a dinamizar as vendas nunhas datas nas que a localidade recibe a moitos visitantes. O Concello respalda cada ano esta iniciativa, na que non so participan tendas de roupa e outros artigos para agasallar, senón tamén perruquerías, corredurías de seguros, asesorías, ferreterías… ata chegar a uns 175 negocios. Desde o vindeiro 5 de decembro ata o 5 de xaneiro repartirán rifas entre a súa clientela, para o sorteo que se vai celebrar o 13 de xaneiro.

Sortearanse 3.300€ en repartidos da seguinte maneira: un cheque de 500€, dous de 300€, seis de 200€ e 10 de 100€. Como é habitual, o sorteo convertirase nun acto festivo, con música, e con moito público asistente. Será o día 13 na praza do Floreal, ás 20.00h.

Durante as festas de Nadal, os establecementos participantes na campaña engalanarán os seus negocios con árbores de luz branca, alfombras vermellas e paquetes de regalo. Tamén o comercio de Cedeira promove este ano o enfeite do exterior do Palacete Municipal cunhas bolas decoradas por alumnado do CEIP Nicolás do Río. Trátase de bolas procedentes dun negocio de animación infantil que foron doadas ao centro precisamente para realizar esta acción, coa que contribuirán a poñer máis ambiente de nadal na localidade.

CAMPAMENTO URBANO DE NADAL 2023 DO CONCELLO DE CEDEIRA

Este campamento de Nadal ten a finalidade de facilitar unha alternativa de ocio para as nenas e nenos promovendo así a conciliación familiar durante as vacacións de Nadal. As actividades que se desenvolverán terán carácter lúdico: xogos, obradoiros de refugallo, actividades deportivas, etc.

Dispón de 60 prazas e resérvanse 5 prazas para nenos e nenas con discapacidade igual ou superior ao 33%. Se desenvolverá os días 22, 26, 27, 28 e 29 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro.

O campamento urbano de Nadal está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2018, ambos incluídos e desenvolverase no CEIP Nicolás del Río. O horario será de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres.

O prazo de presentación de solicitudes será de 7 días hábiles a contar a partires do día seguinte ao da publicación das presentes bases no taboleiro de anuncios dixital.”

Pódese descargar as bases campamento urbano de Nadal 2023 na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases campamento nadal 2023

REUNIÓN CON PORTOS PARA TRATAR SOBRE O SANEAMENTO E A POSIBLE CREACIÓN DE AMARRES DEPORTIVOS

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro José Antonio Rodríguez mantiveron onte unha reunión co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, para abordar diferentes cuestións entre as que estiveron a necesidade de realizar as obras de saneamento na zona portuaria da localidade e a posible creación dun porto deportivo na localidade. Moreda Gil destacou o clima de diálogo e a vontade de colaboración que as dúas partes amosaron no encontro.

En canto ao saneamento, os representantes do Concello incidiron en que a falta dunha correcta recollida e tratamento das augas residuais e pluviais desta zona incide na calidade da auga da ría e na actividade do marisqueo. Portos de Galicia comprometeuse a analizar esta demanda.

A creación do porto deportivo foi outro dos temas que se abordaron na reunión, celebrada na sede de Portos de Galicia na Coruña. Tal como explicou Moreda Gil, o goberno local é consciente de que as condicións da ría de Cedeira non permiten un gran número de amarres, pero si existe a posibilidade de crear entre 50 e 60 prazas para embarcacións de recreo. A idea foi ben acollida polo responsable de Portos, de maneira que o goberno municipal de Cedeira vai elaborar un estudo técnico que apoie a viabilidade da actuación.

Por último, o encontro foi aproveitado por Moreda e Rodríguez para presentar unha demanda da Confraría de Pescadores respecto ao estado do seu edificio. Segundo explicou o alcalde, o inmoble presenta humidades e outros problemas que cómpre resolver.