Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

As audicións da Escola de Música son o adianto do nadal cedeirense

O Concello de Cedeira colabora na celebración das Audicións de Nadal que do luns 16 ao venres 20 terán lugar no auditorio municipal e nas que tomarán parte a práctica totalidade dos alumnos da Escola de Música Vila de Cedeira. A matrícula actual do centro é de 130 estudantes.

O luns, a partir das 19.00 horas, dará comenzo esta programación coas auducións de saxofón, acordeón e improvisación para continuar o martes, día 17, coas de vento metal, canto e percusión. Estas últimas desenvolveranse entre as 18.30 e as 20.00 horas.

Os adultos e os alumnos de canto, clarinete e frauta travesa protagonizarán a cita prevista para o mércores 18, que arrancará ás 18.30 e rematará pasadas as 20.00 horas. O xoves 19 será a quenda dos alumnos de guitarra, gaita e frauta de pico, que será ás 18.00 horas.

Esta convocatoria xa tradicional do Nadal cedeirense rematará o venres, día 20, cunha audición conxunta do alumnado da Escola de Música, no que hai desde nenos de catro anos ata persoas con máis de 70. Este último encontro será ás 19.30 horas.

A vila de Cedeira conta cunha gran tradición musical, que se pon de manifesto coa presenza incesante da música en toda a programación cultural e coa existencia de moitas e diferentes agrupacións musicais locais.

O elevado número de matrículas garante a continuidade desta especial vinculación de Cedeira coa música. O alumnado do presente curso repártese entre clases de Instrumento e Conxunto (especialidades de clarinete, frauta travesa, saxofón, percusión, vento metal, gaita, frauta de pico, piano, guitarra clásica, guitarra española, baixo eléctrico, canto e acordeón), Música e Movemento (dende os 4 os 7 anos), Linguaxe Musical, Harmonía, Educación Auditiva e Vocal e finalmente Improvisación e Taller de Música Moderna.

O Nadal acenderase hoxe na vila de Cedeira

O Concello de Cedeira programa para a tarde de hoxe o acto de acendido da iluminación de Nadal, unha iniciativa que coincidirá co que se levará a cabo nos máis de 175 establecementos que este ano e por primeira vez participan nunha campaña de promoción do comercio e da hostalería da localidade. Esta iniciativa consiste en sorteos de vales de compra, luces de cor branca en todos os locais e unha pequena árbore á porta, ademais dun cartel identificativo, verde e vermello, como as rifas. Un total de 2.000 euros é o diñeiro a repartir entre os consumidores que aposten polo comercio local para facer as compras de Nadal ou para gozar da gastronomía local durante as celebracións de Nadal.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou que “se trata de poñer de manifesto a colaboración que existe entre o executivo local e os profesionais destes sectores”, ao tempo que anunciaba novidades coas que se buscará sorprender a veciños/as e visitantes, porque “o noso interese é a posta en valor do comercio local como promotor da economía local”, apuntou o rexedor.

Por outra parte, adiantou que un total de trinta arcadas, unha árbore na praza do Peixe, unha bóla de gran tamaño na praza Roxa e renos e arcos luminosos en distintos puntos da vila serán os elementos decorativos que axudarán a crear o ambiente axeitado para as celebracións que están por vir.

Como en anteriores ocasións, o executivo cedeirense volveu apostar pola tecnoloxía Led para buscar a máxima eficacia coa menor contaminación posible, unha política que tamén está a aplicar no conxunto da rede de iluminación pública.

Aberto o prazo para participar no Programa Integrado de Emprego de Galicia dirixido a mulleres de oito concellos da Mancomunidade

A Xunta de Galicia concedeu á Mancomunidade de Concellos de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia, dirixido aos concellos de Narón, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda e Valdoviño. A administración autonómica e o Servizo Público de Emprego Estatal financian esta convocatoria, subvencionada con 207.000 euros, dos 230.000 euros do custe total do proxecto. En total ofertaranse 100 prazas para os oito concellos, todas elas dirixidas a mulleres.

Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, Operacións auxiliares de servizos de administracións xerais, Auxiliar de comercio, Alimentación: carnizaría/chacinaría; Hostalería: actividades auxiliares de restaurante/bar e Outros sectores (posibles prácticas sen vinculación a unha formación do PIE) son as propostas entre as que poderán elixir as destinatarias deste Programa. O programa comezará a principios do vindeiro ano e desenvolverase en instalacións dos distintos concellos da Mancomunidade.

Este Programa Integrado de Emprego de Galicia diríxese a mulleres desempregadas e con outros requisitos: con discapacidade, en risco de exclusión social, que acrediten condición de vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos cualificadas ou con baixa cualificación, maiores de 45 anos, perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción, beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional e inmigrantes, tal e como figura na propia convocatoria. A selección das mulleres participantes realizarase a través do Servizo Público de Emprego. As persoas interesadas en asistir deben anotarse á maior brevidade na Oficina de Emprego da avenida de Vigo, en Ferrol, indicando o código 930 e manifestando o seu interese en participar neste programa.

Entre os obxectivos deste programa está “fomentar e promover a igualdade entre homes e mulleres xunto co reparto equitativo do coidado da familia e das tarefas domésticas”. A Mancomunidade pola súa parte comprométese a través dos concellos participantes a traballar ao longo deste programa sobre a importancia da corresponsabilidade e a conciliación da vida familiar e laboral a través de diversas ferramentas, como un servizo de atención e coidado infantil, sesións individuais cos participantes e/ou as familias, horarios que favorezan a conciliación, actividades formativas mixtas…

O obxectivo mínimo de inserción para este ano do Programa Integrado para o Emprego de Galicia é do 35%. As persoas que participen no programa terán dereito a percibir unha bolsa de cinco euros por día de asistencia ás accións do programa, entendéndose como a asistencia a presenza física e non contando as faltas xustificadas nin sen xustificar.

Por vez primeira o programa diríxese exlusivamente a mulleres. É importante aunar esforzos entre as administracións co fin de ofrecer ás veciñas e veciños este tipo de programas incrementando a súa formación e as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.