Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

As audicións da Escola de Música son o adianto do nadal cedeirense

O Concello de Cedeira colabora na celebración das Audicións de Nadal que do luns 16 ao venres 20 terán lugar no auditorio municipal e nas que tomarán parte a práctica totalidade dos alumnos da Escola de Música Vila de Cedeira. A matrícula actual do centro é de 130 estudantes.

O luns, a partir das 19.00 horas, dará comenzo esta programación coas auducións de saxofón, acordeón e improvisación para continuar o martes, día 17, coas de vento metal, canto e percusión. Estas últimas desenvolveranse entre as 18.30 e as 20.00 horas.

Os adultos e os alumnos de canto, clarinete e frauta travesa protagonizarán a cita prevista para o mércores 18, que arrancará ás 18.30 e rematará pasadas as 20.00 horas. O xoves 19 será a quenda dos alumnos de guitarra, gaita e frauta de pico, que será ás 18.00 horas.

Esta convocatoria xa tradicional do Nadal cedeirense rematará o venres, día 20, cunha audición conxunta do alumnado da Escola de Música, no que hai desde nenos de catro anos ata persoas con máis de 70. Este último encontro será ás 19.30 horas.

A vila de Cedeira conta cunha gran tradición musical, que se pon de manifesto coa presenza incesante da música en toda a programación cultural e coa existencia de moitas e diferentes agrupacións musicais locais.

O elevado número de matrículas garante a continuidade desta especial vinculación de Cedeira coa música. O alumnado do presente curso repártese entre clases de Instrumento e Conxunto (especialidades de clarinete, frauta travesa, saxofón, percusión, vento metal, gaita, frauta de pico, piano, guitarra clásica, guitarra española, baixo eléctrico, canto e acordeón), Música e Movemento (dende os 4 os 7 anos), Linguaxe Musical, Harmonía, Educación Auditiva e Vocal e finalmente Improvisación e Taller de Música Moderna.