Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ADXUDICADA, POR MÁIS DE 204.000€, A MELLORA DE BEIRARRÚAS EN CINCO VIAIS DA ZONA URBANA DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira adxudicou á empresa Meraki a execución do proxecto “Mellora das beirarrúas na Avenida de España, as rúas Ponte Nova, José Pascual López Cortón, Salinas e Camiño de Pitilleira”. Cinco empresas concorreron ao proceso de licitación, que partía dun prezo de preto de 220.000€ e que gañou a devandita compañía por 204.344,99€ (IVE incluído).

As obras van consistir na renovación de máis de 1,2 quilómetros lineais de beirarrúas en cinco viais do casco urbano de Cedeira, con financiamento procedente do POS+Adicional por maior achega da Deputación da Coruña.

O proxecto contempla a substitución das beirarrúas en ambas marxes, salvo no caso da rúa López Cortón, na que as obras só afectarán a unha. Levantarase o pavimento e o bordo actual, que se atopa bastante deteriorado, e colocaranse outros novos. Nas rúas Avenida de España, López Cortón, Camiño de Pitilleira e Salinas as novas pezas serán de formigón granallado, mentres que na Ponte Nova empregarase a pedra granítica.

Ademais, as obras aproveitaranse para dotar dun maior ancho ás beirarrúas na Avenida de España, no tramo que vai da rúa México á de As Pontes. Alí, o espazo destinado aos peóns ampliarase ata ter 1,80 metros de ancho, corrixindo a estreitura actual.

A realización destas obras vai emendar algunhas das eivas detectadas no Plan de Mellora da Mobilidade Urbana de Cedeira, en canto ao deterioro do firme nalgunhas rúas e á falta de espazos amplos para o tránsito dos peóns, como é o caso da Avenida de España, onde se vai ensanchar a beirarrúa.