A serra da Capelada acollerá este domingo a tradicional rapa das bestas

A SERRA DA CAPELADA ACOLLERÁ ESTE DOMINGO A TRADICIONAL RAPA DAS BESTAS

A Asociación San Andrés Eventos ponse por segundo ano consecutivo ao frente da Rapa das Bestas que este domingo, día 2 de xuño, se celebrará na Serra da Capelada.

A organización, coa que colabora o Concello de Cedeira para que non se perda unha festa de moita tradición na comarca e mesmo en Galicia, prevé reunir máis de 200 cabezas de gando nun curro que dará comezo sobre as dez da mañá coa baixada das bestas e co seu posterior peche no recinto.

O saneamento de cabalos e eguas, así como o mercado de gando que se produce a carón da festa son algunhas das actividades que deixará o programa matinal e que rematará coa venda das primeiras racións de churrasco e carne ao caldeiro que se servirán nunha carpa situada a escasos metros do curro. Pola tarde, o menú completarase con bocadillos e churros, entre outras viandas.

As celebracións retomaranse, a partir das 16.30 horas, co inicio das carreiras libres, nas que haberá competións de galope e andadura cerrada e chapeada. As persoas interesadas en tomar parte nas probas teñen de prazo ata as 11.30 horas para apuntarse. A organización repartirá ao redor de 1.800 euros entre os gañadores que, ademais, tamén recibirán sacos de pienso.

O presidente da Asociación San Andrés Eventos, Jorge Bellón Rodríguez, recoñece especialmente a axuda e implicación que a entidade recibe por parte do Concello cedeirense para levar a bo término cita de especial significado para a comarca do Ortegal e coa que tamén colabora a Deputación da Coruña e o Distrito Forestal da zona.

O alcalde en funcións de Cedeira, Pablo Moreda Gil, invita a veciños e visitantes a participar dunhas celebracións que tamén forman parte do “noso legado cultural e patrimonial” e que ademais “xogan un papel moi importante no que ao saneamento do gando se refiere”. Valorou a implicación da entidade e dos voluntarios tanto na recuperación como na consilidación dunha “festa galega, dunha festa nosa”.