Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A PISCINA MUNICIPAL DE CEDEIRA TEN INSTALADO E FUNCIONANDO O NOVO SISTEMA DE DESHUMECTACIÓN

A empresa adxudicataria completou a instalación e posta en marcha do novo sistema de deshumectación da piscina municipal de Cedeira, unha obra que se contratou en novembro pasado por un presuposto de 38.280€ (IVE incluído). Desde o goberno local destacan que se trata dun equipamento importante para evitar a proliferación de mofos ou fungos e que, de feito, cumpre cunha estrita normativa sanitaria dirixida a garantir a salubridade das instalacións.

A empresa Termocalor Vigo foi a encargada de subministrar o equipamento. No contrato incluíase tamén o selado e a retirada dos vellos equipos de deshumectación, cuxo estado fixo que no seu momento o Concello optase polo cambio en lugar da reparación.

A piscina municipal de Cedeira é unha instalación cun alto número de usuarios e usuarias, que ademais de a baño libre poden optar por asistir a actividades dirixidas, como son os cursos de natación, aquagym, saúde na auga, natación para embarazadas ou para bebés.