Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A ORQUESTRA FOLIADA D’ASES PECHARÁ MAÑÁ OS ACTOS DE CELEBRACIÓN DO DÍA DE SANTA ANA

A orquestra Foliada d’Ases amenizará a verbena nocturna que pechará mañá martes, día de Santa Ana, o programa de celebración do festivo local en Cedeira. Os actos comezarán ás 12.00 h coa tradicional misa cantada pola coral Virxe do Mar e unha posterior procesión polas rúas do casco antigo que estará acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. A formación ofrecerá, ao remate do percorrido, un concerto na Praza Roxa.

A verbena será na Praza Roxa a partir das 22.30 h. A orquestra Foliada d’Ases é unha formación veterana que cumpriu xa 40 anos de existencia e que cada verán xira por toda Galicia ofrecendo un repertorio variado e para todos os públicos.

Hoxe, para a celebración do Día da Patria, a asociación cultural Aturuxeiras convocou unha concentración de traxe tradicional na Praza Reitoral. Ás doce do mediodía farase a lectura do manifesto institucional.

Por outra banda, seguen adiante os roteiros do programa Descobre Cedeira. Mañá martes, día 26, desenvolverase o de Pedra Chantada, a novidade deste ano. É unha ruta pensada para amosar a excepcional riqueza natural e paisaxística da Capelada, na que se fai parada en varios miradoiros e no curro. É unha andaina de tres horas que parte e remata na estación de servizo da Trabe. As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Turismo (teléfono 981 482 187 e correo electrónico mar.lopez@cedeira.gal).