Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A festa do percebe chega este ano á súa edición dezaoito

A FESTA DO PERCEBE CHEGA ESTE ANO Á SÚA EDICIÓN DEZAOITO

A vila de Cedeira prepárase para celebrar esta fin de semana a edición número dezaoito da Festa do Percebe, unha actividade promovida pola Confraría de Pescadores en colaboración co Concello de Cedeira.

A zona portuaria volverá acoller unha celebración que dará comezo o sábado, a partir das 12.00 horas, coa venda das primeiras racións, das que haberá 1.500 de percebes, 800 de polbo e 500 de ostras, ademais de empanada de merluza e berberecho. Estas últimas terán un custo de seis euros, mentres que a de percebes, cun peso de 300 gramos, venderase a 13 euros.

As racións de ostra, que incluirá dúas unidades (gratinada e á grella) serán a 3 euros. Un total de 22 mariscadores e un conxunto de 40 barcos adicados á extracción do percebe encargaranse de subministrar os produtos que se poderán degustar tanto o sábado como o domingo, en horario de 12.00 a 17.00 horas.

En canto ás actividades haberá inchables e xogos acuáticos na mesma zona portuaria e un tren turístico fará sucesivas viaxes entre a vila e o recinto festivo a fin de evitar o tráfico de vehículos pola estrada do porto.

O goberno de Cedeira destaca a tradición dunha celebración que está entre as máis esperadas do calendario festivo local e que, desde hai dezaoito anos, é un magnífico escaparate para dar a coñecer uns produtos que, debido á calidade das augas e as correntes mariñas, dan como resultado que “os percebes de Cedeira sexan os mellores de Galicia durante todo o ano”. En base a esta realidade, desde o Concello invítase a veciños e visitantes a degustar “un produto dez” e a desfrutar dunha festa da que “estamos especialmente orgullosos por ser referencia de calidade”.

Como anticipo das celebracións, a Confraría de Pescadores de Cedeira organiza para o venres, día 2, unha Xornada de Pesca Infantil, que será ás cinco da tarde no porto pesqueiro e que estará abierta a todos os nenos e nenas interesados. Os participantes terán que levar a caña, xa que o cebo o porá o pósito local. O Concello entregará diplomas a todos os asistentes e a Confraría lles dará a merenda.

A Festa do Percebe tamén deixarase sentir no Museo Mares de Cedeira coa ampliación do horario de visitas á exposición, que pasar a ser de 10.30 a 19.30 horas, e coa celebración dunha mesa redonda para abordar a problemática da muller no mar. Esta iniciativa terá lugar o sábado, ás 11.30 horas, e na mesma tomarán parte unha redeira, unha mariscadora, unha meriñeira, unha armadora e unha representante do pósito local. A entrada é libre e gratuíta.