Discalz@s festival consolídase este ano cun total de 15 actuacións entre a tarde do venres e o sábado
DISCALZ@S FESTIVAL CONSOLÍDASE ESTE ANO CUN TOTAL DE 15 ACTUACIÓNS ENTRE A TARDE DO VENRES E O SÁBADO
A vila de Cedeira acollerá, entre a xornada deste venres e a do sábado, un total de quince actuacións musicais con motivo da celebración do Discalz@s Festival, unha iniciativa da Asociación Discalz@s polo Festival que chega este ano a súa quinta edición e que ten por obxectivo promocionar a música galega e apostar por diferentes estilos musicais.
Todos os concertos son gratuítos e de libre acceso e serán na praza da Revolta, situada na contorna do paseo marítimo.
A programación dará comezo ás 20.00 horas da tarde do venres coa actuación do grupo Batukada Discalz@s para continuar, ás 21.00 horas, coa formación Xalundes. O grupo local “Los Eternos” actuará a partir das 22.00 horas e o cantante e compositor de blues rock ferrolano Víctor Aneiros farao a continuación, ás 23.30 horas. As dúas últimas actuacións do sábado, previstas para a unha e dous e media da madrugada, correrán a cargo do grupo Ruxe Ruxe e Arrhythmia.
A música estará presente ao longo de toda a xornada do sábado coa celebración dunha “Sesión costeira” para regresar a primeiras horas da tarde con “Discalziñ@s con Peter Runk”. A primeira das citas ten horario de mañá, entre as 12.00 e as 14.45 horas, e estará protagonizada pola banda de Gaitas de Buxainas, o trío de folk atlántico “Airoa” e a agrupación musical “Ardecasas”.
No segundo tramo da xornada, que dará comezo ás 17.30 coa celebración das Olimpiadas Paiasas, haberá un concerto de punk Infantil, que será ás 20.45 horas, a actuación da Banda de Música Vila de Cedeira (22.00 horas), así como os concertos que ofrecerán “Heredeiros da Crus”, que subirán ao escenario ás 23.30 horas; o grupo “Terbutalina”, ás 01.30 horas, e o grupo de hip hop galego “Ezetaerre”.