Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A cadea humana contra o cancro celebrarase o sábado 24 na vila de Cedeira

A CADEA HUMANA CONTRA O CANCRO CELEBRARASE O SÁBADO 24 NA VILA DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira colabora coa asociación local da Asociación Española Contra el Cáncer na organización da terceira edición da cadea humana que o día 24 rodeará o río Condomiñas entre as dúas pontes. “Unidos contra o cancro” é o lema da convocatoria.

A actividade, que dará comezo ás 20.00 horas, ten como obxectivo “visibilizar unha doenza que aínda resulta innomeable, achegarse ás persoas que a padecen e aos seus familiares e mostrar un sinal de forza ante a enfermidade”, segundo apuntou a presidenta da xunta local, Teresa Beceiro.

A banda da Asociación Cultural Buxainas porá a musica, mentres que a asociación Columbófilos de Cedeira contribuirá á solta de pombas coa que se pechará un acto “festivo e de esperanza”, sinalou a presidenta. Teresa Beceira informou así mesmo de que haberá un posto de venda de merchandising para as persoas que queiran contribuír economicamente á causa ou facerse socias da Asociación Española contra el Cáncer. Este compromiso tamén se pode levar a cabo a través da páxina www.aecc.es.

O equipo de goberno invita á veciñanza a secundar coa súa presenza unha convocatoria solidaria que xa se está a consolidar como unha das citas máis esperadas do verán local e de especial significado tanto para os enfermos como para as súas familias.