Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A Cabalgata de Reis de Cedeira sairá ás 18.00 horas do colexio Nicolás del Río

O Concello de Cedeira organiza a Cabalgata de Reis que sairá o día 5 ás 18.00 horas do CEIP Nicolás del Río e que, nesta ocasión, percorrerá a localidade co acompañamento musical da banda de Buxainas.

A continuación, as Súas Maxestades de Oriente deixaranse ver polo Camiño Real da Madalena, pola rúa San Sadurniño, a avenida de Castelao, a praza de Galicia, a Ponte Vella, a rúa Ezequiel López, a praza do Peixe, a Ponte Nova, rúa Ponte Nova-praza de Galicia e de novo a avenida Castelao. A recepción dos Reis Magos terá lugar no Palacete municipal, onde recibirán aos nenos e nenas do municipio e escoitarán as súas peticións.

O programa rematará no pavillón do devandito centro escolar, no que haberá inchables para pásalo ben e roscón de reis e chocolate quente para facer máis doce a espera do Día de Reis.

O Concello contou coa colaboración da ANPA Picapeixe, da asociación Amas de Casa, da entidade cultural As Aturuxeiras, Protección Civil, Gadis, Eroski, La Caixa e Muebles García para a organización dun desfile que fará as ledicias dos máis pequenos e tamén, e por que non, dos maiores.