A corporación de Cedeira apoia a petición dos traballadores de Navantia dun novo AAOR para garantir emprego desde xullo deste ano ata o inicio das f-110, previsto para xaneiro de 2022
A corporación de Cedeira apoia as reivindicacións dos traballadores de Navantia, no que se refire á solicitude de carga de traballo, iniciando hoxe unha recollida de firmas en todo o termo municipal. Desde o Concello, invítase a veciñanza a implicarse na iniciativa asinando as follas que se poden atopar, desde hoxe e ata o día 14, nos comercios, establecementos, locais sociais e negocios da vila.
Todos os grupos municipais súmase así ás demandas dos traballadores, que pasan principalmente pola construción dun novo AAOR para a Armada Española a fin de garantir emprego para 32 meses suplindo deste xeito o período de inactividade previsto para o centro de Ferrol.
Os traballadores apuntan que a realización do AAOR podería comezar de inmediato, pois a enxeñería xa está feita, e daría así mesmo continuidade aos traballos de aceiro, así como ao resto de profesións que ao ir rematando os traballos dun buque poderían ter continuidade no seguinte. No escrito faise constar que “nos estaleiros da Ría de Ferrol (Fene e Ferrol) xeran ao redor de 2.000 empregos directos, 10.500 de carácter indirectos, o que en si mesmo supón o 22% da contribución do emprego industrial da provincia, achegando o 24% do PIB da Coruña”.
Ademais considérase que “as dúas factorías son un polo de atracción de numerosas empresas auxiliares que desenvolven a súa actividade industrial, complementando os labores principais do estaleiro, colaborando a alcanzar os seus obxectivos de futuro e ofrecendo emprego a gran cantidade de traballadores e traballadoras” e apúntase así mesmo que, “debido a escasa diversificación da comarca de Ferrol, Navantia segue xogando un papel primordial á hora de xerar riqueza, emprego e benestar social, do que se benefician tódolos sectores: comercial, industrial, servizos, e, e en definitiva, toda a economía da zona”.
En relación ao contrato das F-110, no comunicado explícase que “dotará de carga de traballo aos nosos estaleiros a medio prazo, pero aínda non permite solucionar o baleiro da carga de traballo que imos sufrir en Navantia e na comarca de Ferrol no curto prazo (anos 2020/2021) como consecuencia do seu atraso”.
Para rematar os traballadores apuntan que “hoxe temos en nova construción dous buques da clase AAOR, onde se atopan traballando arredor de 1.300 operarios da industria auxiliar máis o persoal propio de Navantia e señálase que “a finais de xaneiro de 2020 prevese a entrega do primeiro, e en xullo, tamén de 2020, a do segundo buque da serie, polo que desde xullo de 2020 ata xaneiro de 2022 (data de inicio das F-110) non haberá actividade dentro do estaleiro”.