Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

XII Reunión de verano

Cedeira é un lugar no que as súas xentes acollen ao visitante, de tal forma, que este sempre decide volver. A Vila de Cedeira reune no seu territorio, entre outras cousas, os cantís de Vixía de Herbeira, os máis altos da Europa continental. Desde os seus 613m pode observarse a inmensidade do océano Atlántico, á vez que contemplamos Santo André de Teixido, segundo lugar de peregrinación de Galicia. Di a lenda que a Santo André de Teixido vai de morto quen non vai de vivo (irá de morto quen non vaia de vivo). Nas súas inmediacións atópase a praia de Teixedelo, única praia de area negra do mundo de orixe non volcánico, que forma parte do recentemente recoñecido pola UNESCO Xeoparque Ortegal.

Os habitantes de Cedeira dise que descenden de Lancelot, ou Lanzarote do Lago, noutras épocas alí pescábanse baleas, como o propio nome indica, Cedeira, vén de Cetaria (lugar onde os pescadores acurralaban a grandes cetáceos para pescalos). De Cedeira tamén podemos destacar a súa gastronomía, din os entendidos, que os de Cedeira son os mellores percebes do mundo, pero tamén o resto do marisco, peixes, ou carnes.

En Cedeira, tamén floreceron nos últimos anos importantes achados arqueolóxicos, no castro de Sarridal atopouse un Monumento con Forno, o que sería unha sauna castrexa, sendo o 5º atopado en toda Galicia, e o pasado ano os novos traballos de escavación atoparon unha forxa, sendo a única atopada en estado de conservación de toda Galicia.

Nas costas desta Villa, tamén perdeu a vida o actor Leslie Howard o 1 de xuño de 1943, cando viaxaba de Lisboa a Londres e un escuadrón alemá derriba o avión no que viaxaba.

Cedeira é un lugar máxico, ao que animamos a vir a todo o mundo, recomendándolles que aproveiten a viaxe non só para gozar das actividades científicas e sociais, senón que tamén poidan aproveitar uns días para coñecer esta preciosa localidade e os seus arredores, coa súa espectacular Costa Ártabra, Castelo de San Felipe e Cabo Prior en Ferrol, Punta Frouxeira en Valdoviño, Cabo Ortegal en Cariño, Cantís de Loiba (onde The Guardian dixo que se atopaba o banco máis bonito do mundo) en Ortigueira ou Estaca de Bares e o Porto do Barqueiro en Mañon, todos eles son lugares incribles, pouco coñecidos para o público xeral e que non deixarán a ninguén indiferente.

Todos estes alicientes unidos á parte científica, e a moitas outras cousas que estamos a preparar, farán que os asistentes comprendan que a viaxe ata alí non foi en balde e sen dúbida farán que repitan.

Esperámosvos no norte do norte!