Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Un total de 16 locais participarán no primeiro concurso de tapas de outono

UN TOTAL DE 16 LOCAIS PARTICIPARÁN NO PRIMEIRO CONCURSO DE TAPAS DE OUTONO

Un total de dezaseis locais de hostalería de Cedeira tomarán parte no primeiro concurso de Tapas de Outono, organizado polo Concello, que se celebrará a última fin de semana do mes (días 27 e 28).

A idea é promocionar a hostalería local, fomentar a gastronomía da zona e aproveitar esta época do ano para ofrecer unha oferta gastronómica diferente da habitual, segundo os convocantes.

Os locais participantes terán que ter en conta que é obrigado facer uso de produtos de tempada, como poden ser os cogomelos, as castañas ao as cabazas, así como presentar unha única tapa feita expresamente para o certame. O xurado estará formado polas persoas que proben as tapas e para poder participar só é preciso cubrir a tarxeta de votación que haberá en todos os locais participantes.

A organización establece así mesmo o feito de degustar cinco propostas distintas para poder emitir o voto. Serán os propios encargados dos locais os que terán que selar ou asinar a tarxeta de votación para validala e, aínda que se recomenda probar todas as tapas e conseguir o maior número de selos, só será posible votar por cinco dos locais visitados. Non se pode repetir unha puntuación, que vai de 1 a 5 puntos e só se admitirá unha tarxeta por persoa sempre que cumpran os requisitos esixidos.

O prezo das tapas será de 1,5 euros por unidade e todos aqueles que participen cun voto válido serán incluídos no sorteo dunha cea para dúas persoas no local gañador do concurso.

Os negocios de hostalería participantes nesta primeira edición do certame son: Restaurante Brisa, T. Praza do Peixe, mesón San Antón, mesón JoJó, mesón Marieta, restaurante Vila Vella, mesón A ría, mesón A Balandra, cervecería Rosi, mesón O Amanexo, pizzería Sheriff, cafetería Auditorio, O Mesón, bar California, mesón Alitas e bar o Marisco.