UN EQUIPO DO IES PUNTA CANDIEIRA ESTARÁ NA PRÓXIMA EDICIÓN DO RETO HIPERBARIC CHALLENGE
Un equipo de Cedeira vai competir na vindeira edición do Hiperbaric Challenge, un desafío educativo aberto a alumnado do último ciclo da ESO, Bacharelato e FP de toda España, que consiste en deseñar e construír un vehículo de inercia. O “Discalzos Racing Team”, formado por 14 mozos e mozas do segundo curso do CM de Mantemento e Electricidade do IES Punta Candieira, presentaron onte o seu prototipo ao alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e á
concelleira de Educación, Ermitas García, e solicitaron o apoio do Concello para poder participar no reto e desplazarse ata Burgos para participar na carreira que porá a proba o seu traballo.
O reto, que chega este ano á súa oitava edición, vai dirixido a espertar vocacións científicotecnolóxicas. Trátase de desenvolver o proxecto dun coche de inercia de principio a fin, incluíndo os aspectos técnicos e de deseño, así como as cuestións empresariais, de marketing e xestión. O equipo do IES Punta Candieira é un dos vinte de toda España que porán a proba os seus vehículos na competición final, nun trazado urbano pola cidade de Burgos. Previamente, o “Discalzos Racing Team” participará noutros fitos do programa de xeito telemático, presentando e defendendo o seu
proxecto.
Tras coñecer o traballo do equipo local, Moreda Gil asegurou que o goberno local vai apoiar a estes mozos e mozas para que poidan estar en Burgos e amosar a súa creatividade e o seu talento. “Quedamos gratamente sorprendidos e estamos moi orgullosos do traballo que desenvolveron e da ilusión que poñen neste reto”, comentou o alcalde.