Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO COLOCA UNHA CARPA DIANTE DO CENTRO DE SAÚDE PARA PROTEXER AOS USUARIOS DA CHOIVA E O FRÍO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informou da instalación dunha carpa para darlle abrigo aos veciños e veciñas que fan cola diante do Centro de Saúde da localidade a raíz das medidas de distanciamento impostas pola covid. O rexedor local recordou que o investimento para a adquisición deste investimento ía incluido na modificación de créditos aprobada polo pleno o pasado día 13 de novembro e que o seu primeiro uso é a protección dos usuarios do Centro de Saúde, aínda que non é esta unha competencia municipal. “A montaxe da estrutura é unha proba máis das carencias que ten o Centro de Saúde de Cedeira”, dixo Moreda.

A colocación da carpa foi unha suxestión dos propios traballadores do Centro de Saúde, exposta na na reunión que mantiveron recentemente co alcalde e o concelleiro de Facenda, Manuel Martínez, para abordar a situación do servizo. Así, a nova estrutura está a evitar que as persoas que acuden ao centro fagan cola no exterior baixo a choiva e o frío. O goberno local estableceu xa as medidas de distanciamento e ventilación oportunas dentro da instalación.

Pablo Diego Moreda destacou que con esta compra, ademais de solucionar no inmediato a situación que se está a producir no Centro de Saúde, o Concello faise cunha estrutura que vai poder ser aproveitada en moitas ocasións, para garantir que os actos organizados polas diferentes concellerías poden desenvolverse a cuberto cando a meteoroloxía impida facelo doutro modo. A empresa Toldos Gómez é a suministradora da carpa, que ten un prezo de 9.154,13€ (IVE incluído).