Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UN CONCERTO-COLOQUIO COA GUITARRISTA ISABEL REI SAMARTIM ABRE O FESTIVAL DE MÚSICA GALEGO-PORTUGUESA

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, día 8, ás 20.00 horas, un concerto-coloquio de guitarra galego-portuguesa a cargo da prestixiosa instrumentista e estudosa do tema Isabel Rei Samartim. A cita servirá para inaugurar unha nova edición do Festival de Música “Traz outro amigo também”, co que Cedeira afonda nunha afección que cultiva desde hai anos e que ten deixado unha importante pegada no seu repertorio de música popular.

Isabel Rei Samartim é natural da Estrada e estudou no Conservatorio Superior de Música da Coruña, no que se titulou coa especialidade de guitarra. Formouse tamén en Alemaña, da man de prestixiosos instrumentistas. Na súa traxectoria compaxínanse a vertente de intérprete e a de académica e estudosa. Así, é doutora pola Universidade de Santiago de Compostela e autora de diferentes artigos e libros sobre a música galega e portuguesa, así como profesora no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela. Ten actuado tamén en festivais, levado premios e publicado varios discos, na súa faceta de concertista.

Co concerto-coloquio de Isabel Rei Samartin inaugúrase a que será a IV edición do Festival de Música Galego-Portuguesa “Traz outro amigo também”, despois de que en 2020 quedaran suspendidas as actividades. Desta volta o Concello traballou nunha programación máis reducida e adaptada ás actuais circuntancias, pero que novamente servirá para potenciar o vencello que a vila ten coa tradición musical lusa.

É unha relación que ten que ver coa afección á música coral e que ten a súa orixe na hoxe desaparecida formación Candieira. Aquel grupo polifónico tiña no seu repertorio moitos temas do cantautor José “Zeca” Afonso e outros de música tradicional portuguesa que callaron tamén na propia tradición cedeiresa. Así, por exemplo, é habitual que o Día da Xira a xente entoe a canción “Oh rama que linda rama”. Tal como recorda a concelleira de Cultura, Ermitas García, o Concello de Cedeira comezou no anterior mandato, da man do entón responsable da área, Robustiano Labraña, “Tiano”, este festival para manter e potenciar esta feliz relación musical.

As persoas interesadas en asistir teñen que reservar as localidades a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou enviando un whatsapp ao número 649 876 614 en horario de 09.00 a 14.00h., indicando en calquera caso o nome das persoas que asistirán e un número de contacto. Poden reservarse as entradas ata o mesmo día da función se non se esgotan antes.