RESOLTAS E PAGADAS AS AXUDAS DO PEL REACTIVA, POR VALOR DE 135.324€, A 62 NEGOCIOS DE CEDEIRA
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informa de que xa están pagadas todas as axudas do programa PEL Reactiva, financiado nun 80% pola Deputación da Coruña e no 20% restante polo Concello. “Tras completarse todo o procedemento administrativo e a presentación da documentación por parte dos beneficiarios, a resolución definitiva traduciuse na adxudicación de 62 axudas para outros tantos autónomos e pequenas empresas, por unha suma total de 135.324,46 euros”, explicou Moreda, que celebrou que os fondos estean xa en mans das empresas e contribúan a mellorar a situación.
O programa PEL Reactiva, cuxa resolución provisional saira publicada a finais de xaneiro pasado, dirixiuse a cubrir os gastos daqueles negocios que viron paralizada a súa actividade ou sufriron un descenso do 75% da facturación entre marzo e decembro de 2020 como consecuencia da crise sanitaria. Con anterioridade o Concello de Cedeira tiña convocado e resolto outro programa de axudas pola covid para o tecido empresarial do municipio, que se traduciu no pago de axudas a un total de 112 microempresas e autónomos, por un presuposto total de 76.750€.
Tal como se informou recentemente, nos presupostos aprobados para o presente 2021 o goberno local dispuxo outra partida de 70.000€ dirixida tamén a paliar os efectos da situación sanitaria sobre as empresas e autónomos de Cedeira.