REMATADOS E A DISPOSICIÓN DA CIDADANÍA A NOVA TIROLESA E O BOWL DE SKATE DO PARQUE DO CAMIÑO REAL
28 de xaneiro de 2020. O Concello de Cedeira informa de que están rematados a disposición da cidadanía a nova tirolesa e o bowl de skate do parque do Camiño Real, un proxecto executado cun investimento de preto de 121.000€. Segundo destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, a actuación reforza o atractivo que ten toda esta zona, a carón da praia da Madalena, para as familias e en particular para a xuventude.
“Temos un espazo único, con árbores, paseos pavimentados, céspede, o río, xogos para nenos e nenas de diferentes idades e tamén estes novos elementos para o ocio da mocidade, que se suman ao parque de calistenia inaugurado hai poucos meses e xurdido do proceso de orzamentos participativos – destacou o alcalde-; un conxunto excelente para o tempo de lecer, o encontro e a convivencia da veciñanza e das persoas que visitan a vila”.
O bowl de skate ocupa o espazo no que anteriormente había unha fonte pública en desuso. É unha bañeira para practicar a patinaxe, cunha superficie irregular e con pendientes e formas redondeadas. O seu deseño está pensado para ofrecer seguridade aos principiantes, ao tempo que ofrece suficientes atractivos para skaters máis experimentados. A instalación para patinar ten 176 metros cadrados, ainda que a superficie total, contando o perímetro habilitado, abrangue 264 medros cadrados.
A tirolesa, situada a poucos metros, xunto a un parque de xogos infantís próximo, ten 28 metros de largo. Ten catro metros de altura na saída e tres na chegada, con solo de caucho ao longo de todo o percorrido.
A empresa Rog i Fills Associats foi a encargada das obras, tras gañar unha licitación aberta á que concurriron tamén outras catro empresas.