Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PRESENTACIÓN DA XIRA CEDEIRESA DA OBRA DO CDG AS OITO DA TARDE, CANDO MORREN AS NAIS

O Centro Dramático Galego e o Concello de Cedeira celebrará o vindeiro luns, día 9, ás 12.00h no Auditorio Municipal, a presentación da obra As oito da tarde, cando morren as nais e do programa de funcións que vai ter lugar na vila entre o 19 e o 22 de maio. A nova produción do CDG, que leva á escea un texto de AveLina Pérez, iniciou o pasado día 14 de abril en Compostela unha xira que unicamente ten parada en catro concellos galegos, entre eles o de Cedeira, e dous portugueses.

Cedeira vai acoller catro funcións, unha delas para escolares e as outras tres para o público xeral. O CDG deseñou unha xira inclusiva, con funcións nas que haberá intérprete de lingua de signos, audiodescricións e subtítulos, que pretende achegar o teatro a un público amplio. Fletaranse autobuses desde diferentes puntos da comarca para que as persoas interesadas poidan asistir ás representacións.

A rolda de prensa contará coa participación de Fran Núñez, o director do Centro Dramático Galego, e o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira de Cultura, Ermitas García.