Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O verán en Cedeira despedirase con “Cantos e Contos ao Solpor”

O Concello de Cedeira convoca unha nova edición de “Cantos e Contos ao Solpor” para poñerlle fin ao verán con eventos culturais ao pé da rúa e espectáculos que, por primeira vez, se trasladan tamén ás parroquias.

A programación dará comezo o día 12 de setembro coa representación da obra “Costureiras” a cargo de Ángeles Goás e Felipe Díaz (Coxoto). A praza da Rectoral acollerá unha convocatoria que arrincará ás 20.00 horas. Trátase dun espectáculo de narración oral.

A segunda cita do programa será o día 19 e terá lugar no local social de Torroiba (Cervo), a partir das oito da tarde. A actriz e escritora Paula Carballeira interpretará a obra “Historias de arrepío”, unha sesión de contacontos para gozar de medo coas historias da tradición oral galega.

O presente mes rematará cun monólogo cómico a cargo de Pedro Brandariz. Será o día 26, ás 20.00 horas, no local social da AVV de San Román. Brandariz subirase ao escenario para analizar a vida dos galegos, en canto a súa cultura, idioma e familia, de ahí o seu nome “Profundizando na Galiza profunda”.

O programa “Cantos e Contos ao Solpor” pechará o día 3 de outubro coa obra “Divas de Divan” interpretada por Ángeles Goés, Vero Rilo e Carmen Conde no local social de Saa (Esteiro), a partir das oito da tarde. As tres actrices xúntanse arredor dunha mesa mentres pican queixo de tetilla, comparten uns chourizos e proban que pementos pican e cales non para contar historias da erótica do país.

O Concello de Cedeira recorda que será obrigatorio o uso de máscara en todos os espectáculos e que as cadeiras iranse asinando por orde de chegada coa intención de garantir a distancia de seguridade entre os asistentes.