Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O programa de Nadal dará lugar esta fin de semana a dúas actuacións musicais no Auditorio municipal

O PROGRAMA DE NADAL DARÁ LUGAR ESTA FIN DE SEMANA A DÚAS ACTUACIÓNS MUSICAIS NO AUDITORIO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira encherá o tempo de Nadal cunha programación na que estarán moi presentes a música, as tradicións e mesmo as celebracións máis populares.

Cara a esta fin de semana o auditorio municipal acollerá o venres (día 21)unha audición musical a cargo dos alumnos da Escola de Música e o sábado 22 o Festival de Corais organizado pola agrupación Virxe do Mar, no que intervirán Armonía de Ferrol e a Polifónica de Betanzos, ademais da formación convocante. Ambas as dúas actuacións darán comezo ás sete da tarde.

O domingo, pola súa banda, dará lugar á visita de Papá Noel que estará, a partir das seis da tarde, na praza da Marieta e que despois paseará en carroza polas principais rúas da localidade. A visita rematará coa recepción que terá como referencia a praza Roxa. Colaboran a Asociación Los Delfines, Sport Club Fitness, Protección Civil de Cedeira, Remo Cedeira, Axexo, C.Buceo Cedeira, Confraría de Pescadores e o Concello de Cedeira na organización e celebración dun dos actos máis esperados do Nadal cedeirense.

A continuación, a actividade trasladarase ao auditorio municipal que acollerá, ás oito da tarde, o Festival de Corais organizado pola formación Eixil de Cedeira. Nel intervirán, ademais da coral organizadora, Armonía de Ferrol, Polifónica de Melide e a vinculada ao Círculo Mercantil de Ribeira.

O auditorio tamén acollerá o día 28, ás 20.00 horas, o concerto de Fin de Ano ofrecido pola Banda Vila de Cedeira e o día 29, nesta ocasión pola mañá (12.00 horas), o concerto “MIP Ortegal”, dedicada á música inclusiva e participativa. Trátase dunha terapia musical que volve aos escenarios da man do alumnado de Aspromor, Apader e Aprom e que, coa axuda da banda Vila de Cedeira, crean un espectáculo ecléctico no que se pode apreciar a excelencia, a beleza e a diversidade da música.

A praza Roxa volverá ser o escenario da Verbena de Aninovo, que dará comezo á unha da madrugada e que correrá a cargo da orquestra Filiada. Desde a organización destácase que haberá unha carpa para animar á participación dos veciños na festa, que servirá para dicir adeus ao ano 2018.

A programación de Nadal concluirá o día 5 coa celebración da tradicional Cabalgata dos Reis Magos. A comitiva dará comezo ás seis da tarde co percorrido dos Magos de Oriente polas rúas da vila para finalizar no Palacete municipal, na que está prevista a tradicional recepción oficial. A festa acabará coa degustación de chocolate quente e roscón no pavillón do CEIP Nicolás del Río, no que tamén haberá inchables para os nenos e as nenas. Buxainas, Aturuxeiras, ANPA Picapeixe, Asociación de Amas de Casa, Gadis, Muebles y Carpintería García, Protección Civil e Concello de Cedeira colaboran na organización desta última convocatoria do Nadal.