Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO RENOVA A PINTURA DA BALAUSTRADA E DAS MARCAS VIAIS ENTRE A PONTE VELLA E A NOVA

O Concello de Cedeira contratou recentemente uns traballos de mantemento da pintura da balaustrada do paseo marítimo, entre a Ponte Vella e a Nova, así como das marcas viais de toda esa zona -prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, limitacións de velocidade, pasos de peóns, etc-. A empresa Galaica Viaria vai executar estes traballos por un presuposto de 14.399€ (IVE incluído).

Trátase dunha actuación importante para a seguridade vial, xa que corrixe o deterioro da sinalización horizontal, e coa que tamén se vai repintar de branco a balaustrada que percorre todo este tramo da desembocadura do río Condomiñas, un dos lugares con máis encanto da vila cedeiresa que así se pon ao día cara á tempada de verán.

Biblioteca

Por outra banda, o goberno local aprobou un gasto de 4.918,65€ (IVE incluído) para a adquisición de catro librerías para a Biblioteca Municipal López Cortón. O equipamento é preciso para substituír as anteriores, que están deterioradas, e vén completar un proceso de renovación do mobiliario máis antigo do inmoble que comezou a finais do pasado ano, cando o Concello investiu uns 8.000 euros para cambiar as mesas e as cadeiras da sala vella, así como o chan, que estaba afectado pola couza.

As novas librerías teñen estrutura de madeira de castiñeiro e andeis en rechapado hidrófugo de castiñeiro e van destinadas tanto á pranta baixa como ao primeiro e segundo piso da biblioteca.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA