Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PROMOVE NOVAS ESCAVACIÓNS NO SARRIDAL E TAMÉN SONDAXES PARA ACTUALIZAR A INFORMACIÓN ARQUEOLÓXICA E DETERMINAR AS FUTURAS ACTUACIÓNS

O Concello de Cedeira vai investir 14.399€ (IVE incluído) na próxima campaña de escavación arqueolóxica no Castro Sarridal, ao tempo que pon en marcha uns traballos de prospección no Campo do Castro. Segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o goberno local confía en que a esta campaña lle siga outra de consolidación dos elementos escavados que sexa custeada pola Xunta. Desde o goberno local xa se ten solicitado á Dirección Xeral de Patrimonio a súa implicación nesta nova fase, como fixo en anteriores ocasións.

Xunto coa aprobación da nova campaña de escavacións, o goberno local contratou tamén ao equipo arqueolóxico de Emilio Ramil, por un presuposto de 6.050€ (IVE incluído), a realización dunhas sondaxes valorativas no Campo do Castro, na contorna da sauna castrexa xa descuberta, coa finalidade de comprobar os puntos nos que sería de interés, no futuro, continuar coas escavacións. O estudo da zona vai servir tamén para actualizar os datos do libro “Arqueoloxía do Concello de Cedeira”, que se publicara no ano 2000 coas aportacións feitas xa daquela polo equipo de Ramil.

O coñecemento do potencial arqueolóxico de varias parcelas no Campo do Castro servirá para determinar o interese para o Concello de facerse coa propiedade dalgunhas delas e garantir que se poidan facer futuras escavacións.

En canto á campaña máis inmediata, segundo comentou Emilio Ramil, vai comezar a mediados de xullo e prolongarase durante un mes. Os traballos, desta volta, irán dirixidos a completar a escavación do paramento externo da muralla, así como iniciar a do foxo defensivo e completar a da superficie situada a continuación do empedrado exterior da sauna, ata o actual camiño de acceso ao castro.

O alcalde recordou que o Concello puxo en marcha no ano 2017 o programa de recuperación do pasado castrexo e que o traballo deu froitos moi importantes, posto que se descubríu unha das cinco saunas castrexas que se conservan en Galicia e a pedra formosa máis antiga de todas elas, datada aproximadamente no ano 230 a.C. Moreda recomendou a visita ao Castro Sarridal, que conta cun panel informativo e un código QR para que as persoas que se achegan ata alí poidan comprender e interpretar os restos.