Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PRESENTOU A PATRIMONIO OS RESULTADOS DA ÚLTIMA ESCAVACIÓN NO CASTRO SARRIDAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, a concelleira de Turismo, Carmela Prieto, e a edil do BNG María Xosé Rodríguez, mantiveron en días pasados unha reunión coa directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua, para presentarlle os resultados da recente campaña de escavación financiada polo Concello no Castro Sarridal e solicitar unha nova colaboración autonómica para levar adiante, de inmediato, os necesarios traballos de consolidación dos novos restos achados. No encontro confirmouse a boa disposición de Patrimonio para financiar con 14.500€ a campaña que, durante 22 días neste mes de setembro, servirá para limpar, consolidar e protexer as estruturas descubertas na recente intervención.

O alcalde expresou o agradecemento do goberno local á colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio, que desde o primeiro momento entendeu o gran potencial do xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal e que desde o ano 2017 vén financiando diferentes campañas de intervención, alternándose co Concello para garantir o paulatino avance das escavacións. Moreda recoñeceu tamén a colaboración da concelleira do BNG e arqueóloga María Xosé Rodríguez, sempre disposta a axudar neste proxecto que naceu con ela.

A reunión serviu tamén para abordar a posibilidade de que Patrimonio colabore co Concello no levantamento da pista que bordea a zona escavada, e que conduce ao Castelo da Concepción, e na construción da ponte de madeira que a substituiría. O arqueólogo Emilio Ramil explica que coñecer o que hai nesta zona axudaría moito a clarexar a evolución histórica do castro.

“Sabemos que estivo habitado durante case mil anos, desde os séculos III ou IV antes de Cristo ata o IV ou V despois de Cristo, con dúas etapas diferenciadas, a castrexa e a galaico-romana”, comentou o arquéólogo. O camiño actual oculta os restos do empedrado orixinal da época castrexa e tamén o que se construíu na etapa galaico-romana sobre o foxo castrexo, polo que o seu levantamento “serviría para ter unha idea completa do que foi o asentamento”, explicou. A intención do Concello é preparar un proxecto para realizar esta intervención, sobre a que se construiría unha ponte de madeira para permitir o paso, como na actualidade, ao tempo que se descobre esta área do xacemento.

Última campaña

A escavación que custeou o Concello de Cedeira e que se desenvolveu no mes de agosto dirixiuse a ampliar a superficie recuperada das estruturas defensivas do Castro Sarridal. Así, os traballos serviron para avanzar na recuperación da cimentación do torreón defensivo e levantar outros cinco metros de restos do paramento exterior, cara o cantil. Tamén se escavou o foxo, deixando á vista as paredes laterais e o seu fondo.

Nos traballos, segundo o informe redactado polo arqueólogo Emilio Ramil, atopáronse varios elementos interesantes ao lado do foxo. É o caso dun empedrado castrexo, seguido dun enlousado da etapa galaico-romana e de tres muros castrexos rotos entre si, foxas con cantos rodados e parte dunha tumba de laxas.