Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO LICITA POR PRETO DE 68.000€ AS OBRAS DE MELLORA DO SANEAMENTO DA RÚA MARÍA MEDIADORA

O Concello de Cedeira acaba de sacar a licitación a obra para a implantación da rede separativa e a colocación dun novo firma na rúa María Mediadora, coa que o goberno local vai seguir avanzando na mellora do sistema de saneamento do casco urbano. É unha actuación que sae a concurso polo procedemento aberto simplificado por 67.845,65€ (IVE incluído) e que conta con financiación do Plan Complementario da Deputación da Coruña.

A rúa María Mediadora conta con rede unitaria de saneamento, de maneira que actualmente recóllense as augas residuais das casas e os pluviais a través de sumidoiros que non están conectados aos caleiros dos edificios. As obras abranguerán a instalación dunha nova rede de recollida da auga da choiva, conectando as baixantes. Demolerase o colector unitario existente e sustituirase por unha nova rede de recollida de augas residuais, e finalmente reporase todo o firme da calzada.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 5 de febreiro. O prazo de execución é de dous meses.