Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOREDA PARTICIPA EN FITUR NOS ACTOS DE PROMOCIÓN DO TURISMO NO MUNICIPIO E NO XEOPARQUE CABO ORTEGAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, estará ata o venres en Fitur, a feira internacional de turismo que se inaugura en Madrid, para participar en diferentes actos programados pola Mancomunidade, a Deputación da Coruña e a rede de Xeoparques Españois da Unesco, promocionando tanto o municipio como o conxunto do territorio de Cabo Ortegal que vén de entrar na rede mundial.

Onte mércores, xornada inaugural de Fitur, Moreda participou ás 13.30h no acto organizado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol para promocionar os espazos “petfriendly”. No stand da Xunta de Galicia.
Mañá xoves, o alcalde de Cedeira intervirá, en calidade de presidente de quenda do Xeoparque Cabo Ortegal, no acto de presentación que vai ter lugar no stand que este ano ten na feira a rede nacional de xeoparques, no que tamén están os de América Latina. No acto estará tamén Cristina García Rey, concelleira de Moeche e deputada provincial. Ademais do acto, que se vai celebrar ás 13.30h, a feira Fitur será unha ocasión para manter reunións de traballo con representantes doutros xeoparques e coñecer experiencias de interese no desenvolvemento do de Cabo Ortegal, que vén de obter o recoñecemento da Unesco hai poucos meses.

Por último, o stand da Xunta de Galicia acollerá o venres, ás 13.00h, a presentación “Cabo Ortegal. Territorio xeolóxico”, no marco da promoción dos plans de sustentabilidade turística en destino da Deputación Provincial da Coruña.