Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVISTE MÁIS DE 11.000€ NA SUBSTITUCIÓN DE DÚAS MARQUESINAS E O ARRANXO DOUTRAS ONCE

O Concello de Cedeira contratou recentemente a substitución de dúas marquesinas, concretamente as situadas nos lugares de Pardiñeira e Moreira, así como outros traballos para o arranxo doutras. En total, segundo informou o goberno local, investíronse algo máis de 11.000€ na mellora destes elementos de abrigo, indispensables para os nenos e nenas que agardan o autobús para ir ao colexio ou o instituto. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, comentou que son actuacións que forman parte da obriga do Concello de manter o patrimonio municipal e apuntou que a intención é ir instalando novas marquesinas naqueles lugares que carecen delas e nos que aumentou a poboación.

As novas marquesinas de Pardiñeira e Moreira requeriron dun investimento de 6.025€ (IVE incluído). Teñen, seguindo a estética das que existen no municipio, estrutura de madeira e ventanais con cristal e placas de metacrilado. Xunto con estes traballos, o Concello contratou tamén coa carpintería García a substitución do cerramento frontal e outros arranxos nas marquesinas de Bouza e Casal de María, traballos nos que se investiu en total outros 2.300€.

Por último, o goberno municipal encargou á carpintería Lopez y Villadóniga, por un importe doutros 2.649,90€, traballos de mantemento noutras nove marquesinas, oito situadas en paradas de autobús -Sisalde Maior, O Baturro, Vilar, Vilarnovo, Carballa, Figueiras, A Trabe e Leira Antiga- máis a que está ubicada no Parque do Romeiro. A todas elas aplicóuselle un tratamento para o correcto mantemento da madeira, xa que estes elementos sofren o deterioro propio da intemperie.