Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO FELICITA AOS CLUBES DE REMO E TRIATLÓN DE CEDEIRA POLOS ÉXITOS ACADADOS

O goberno local de Cedeira quere expresar as súas felicitacións para os e as deportistas dos clubes Remo e Natación Cedeira, que nos últimos días obtiveron excelentes resultados en senllos campionatos de España. O seu esforzo é un orgullo e un exemplo para o pobo de Cedeira, un modelo de superación a seguir.

Rotundo éxito o acadado polo Club de Remo Cedeira no Campionato de España de remo olímpico, que o pasado fin de semana se disputou no embalse de Banyoles, en Girona. A entidade acadou un histórico sexto posto na clasificación por equipos de entre un total de vinte tres participantes, sendo, ademais, o mellor de entre os representantes galegos.

Este éxito colectivo alimentouse cunha brillante actuación individual de varios dos seus botes, que reportou dous títulos nacionais: un para Raquel Rodríguez Pernas, na proba de skiff sub 23; e outro para a tamén skiffista Candela Martínez Pernas, neste caso na categoría xuvenil. A estes dous ouros hai que engadirlle a medalla de prata do doble scull xuvenil masculino formado por Iván e Bruno e o bronce acadado pola propia Raquel Rodríguez Pernas na categoría absoluta de skiff feminino.

Cabe salientar tamén que outros tres botes cedeireses acadaron as finais. Agus González e Iago Ortiz rozaron o podio co seu cuarto posto no doble scull cadete masculino; mentres que na modalidade individual de skiff Raúl López foi décimo en sub 23 e Lucía Bellas duodécima en cadete.

Estes éxitos ratificaron a presenza internacional tanto de Candela Martínez, en categoría xuvenil, como Raquel Rodríguez, en sub 23, que foron convocadas de novo para as concentracións dos equipos nacionais que prepararán os Mundiais Sub 23 de Plovdiv e Xuvenil de París.

O Natación Cedeira tamén pechou unha fin de semana de grandes éxitos en competicións nacionais. Os seus deportistas Fran Bellas, Juan Piñón, Samuel Sánchez, Lucas Riola e Manuel Muiño foron segundos no Campionato de España de Triatlón Contrareloxo por equipos, que se disputou o sábado, mentres que Suárez, Piñón e Riola foron primeiros no Campionato de España de Triatlón por Relevos ao día seguinte.