O Concello de Cedeira saca a licitación obras na rede de saneamento por importe de 268.736 euros
O Concello de Cedeira saca a licitación a obra que dotará de saneamento á veciñanza de Vilacacín e o proxecto que optimizará o funcionamento da rede que está a dar servizo nas rúas da Estrada, Valdoviño, San Sadurniño e travesía da Praia. Son proxectos incluídos no POS+2019.
O importe das dúas intervencións ascende a 268.736,8 euros (IVE incluído) e as empresas interesadas tanto en facerse cargo dunha como das dúas obras teñen ata o día 24 do presente mes para presentar ofertas. O prazo de execución é de cinco meses.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou a importancia deste novo esforzo inversor do Concello por canto estende a rede de saneamento a lugares que agora carecen del e contribúe a mellorar o servizo dunha das zonas máis densamente poboadas da vila coa incorporación á rede dunha liña específica para a recollida de pluviais e a substitución das tubaxes de fibrocementos por outras de PVC de 315 milímetros de diámetros. Moreda Gil recordou que a liña de traballo do executivo local é tratar de rebaixar a carga da estación depuradora para optimizar o seu funcionamento e abaratar custos, así como evitar a deterioración de infraestruturas e estradas coa recollida de pluviais.
A actuación que afectará ao núcleo urbano de Vilacacín consistirá na instalación de canalizacións, que discorrerán ao longo de 639,25 metros, e na entrada en funcionamento de 21 pozos de rexistro para dar servizo a un conxunto de 25 vivendas. Toda a actuación levarase a cabo por vías de competencia municipal e na súa contorna atópanse bens patrimoniais como casas do século XVII, un hórreo e mesmo a igrexa parroquial de Santa María, que necesitarán medidas de especial protección. Esta obra sae a contratación pola cantidade e 76.929, 72 euros.
Pola súa banda, o proxecto que afectará ás rúas da Estrada, Valdoviño, San Sadurniño e travesía da Praia obedece á necesidade de mellorar o funcionamento do servizo da rede que está a ocasionar problemas por atascos debido á capacidade e antigüidade das tubaxes de fibrocemento e á falta de canalizacións específicas para a recollida das augas pluviais dos edificios. Trátase dunha zona especialmente poboada e na que se contabilizan unhas 225 vivendas, o que pode chegar a representar arredor de 900 veciños. A contía desta licitación ascende a 191.809, 08 euros.