Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ORGANIZA UN CURSO PARA ATENCIÓN ESPECIALIZADA EN ALZHEIMER E OUTRAS DEMENCIAS

A través do departamento de Servicios Sociais que dirixe a concelleira Malena Pérez Villar, o Concello de Cedeira organiza a vindeira semana unha actividade formativa centrada na “Atención especializada en Alzheimer e outras demencias”. O curso desenvolverase en dúas xornadas, o 11 e o 13 deste mes (luns e mércores da vindeira semana), no Auditorio de Cedeira, en horario de 17.00 a 19.00 horas. AFAL Ferrolterra, o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol colaboran nesta proposta que será impartida pola psicóloga Elena Farré e a terapeuta ocupacional Natividad Criado.

A primeira delas dirixirá un módulo dedicado á abordaxe terapéutica nas demencias no que tratará temas como a sintomatoloxía das mesmas, o seu tratamento ou as alteracións no comportamento que poden provocar estas doenzas. A sesión finalizará cunha mesa redonda na que se lle dará a palabra ao público asistente.

Natividad Criado, pola súa banda, impartirá unha actividade máis práctica centrada na mobilización e transferencias das persoas dependentes facendo fincapé en cuestións como a hixiene postural, a sedentación, a posición na cama ou as propias técnicas de transferencia e mobilización. Uns coñecementos teóricos básicos que se afianzarán na recta final da xornada a través dun obradoiro práctico.

Aínda que a actividade é totalmente gratuíta, é preciso realizar inscrición previa no departamento de Servicios Sociais (Convento, s/n; esquina María Mediadora), xa sexa de forma presencia ou telefonicamente nos números 673 223 415 e 981 492 179.

“Detectamos que falta formación nas auxiliares e tamén nas familias e por iso vimos necesaria a organización deste curso”, explica Malena Pérez Villar, concelleira de Servicios Sociais, que recorda tamén que a actividade é posible gracias ao convenio de colaboración que mantén o Concello de Cedeira coa asociación AFAL Ferrolterra.

Esta prolífera relación comezou fai máis de dous anos e se plasma, entre outras actividades, na celebración regular de obradoiros ocupacionais para pacientes con Alzheimer e outras demencias. O éxito dos mesmos foi tal que no último ano pasaron de ter unha periodicidade de dúas sesións semanais a celebrarse diariamente de luns a venres. Na actualidade, o servizo, que se desenvolve no terceiro andar do Auditorio Municipal, conta con dez usuarios que son asistidos por psicólogas, educadoras sociais e gerocultoras.