Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA INVISTE PRETO DE 8.500€ NA RECUPERACIÓN DA FONTE DA BARCA

O goberno local de Cedeira acaba de contratar as obras de recuperación da Fonte da Barca, na parroquia de San Fiz de Esteiro. É unha actuación cun orzamento de 8.467€ (IVE incluído), coa que o Concello dá un paso máis no seu plan de rehabilitación das fontes e lavadoiros, elementos singulares do patrimonio arquitectónico e tamén espazos que historicamente serviron como lugar de reunión e de convivencia, fundamentalmente para as veciñas da localidade.

A Fonte da Barca atópase nun estado de avanzado deterioro, co teito caído e en total desuso. As obras a realizar van consistir en retirar os restos do anterior tellado, picar o recebo dos muros para deixar a pedra á vista, desfacer e levantar de novo os catro piares de pedra, reconducir a auga ata o interior da pileta e facer un recrecido do chan e o seu enlousado, para o que se vai empregar a pizarra recuperada do antigo tellado.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, lembrou que, froito deste programa de recuperación da arquitectura popular de Cedeira, xa se rehabilitaron as fontes de Fernando Lago, da Area e de Vilar. “Son elementos que formaron parte da vida cotiá das xentes de Cedeira e non queremos que caian no olvido”, dixo. “Coa súa recuperación volven ser parte do patrimonio e da historia de todos e todas”.