Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ENTREGA NOVOS DESFIBRILADORES ÁS ENTIDADES VECIÑAIS DE CERVO, SAN ROMÁN E MONTOXO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira Carmela Prieto entregaron estes días ás asociacións veciñais de Cervo, San Román e Montoxo tres desfibriladores para facer dos seus locais sociais novas zonas cardioprotexidas. O goberno local comezou en 2017 un programa para dotar os puntos máis concorridos da localidade destes equipos, que no caso dunha parada cardíaca poden resultar vitais. Coas novas adquisicións son xa dez os desfibriladores distribuídos por diferentes espazos públicos da vila.

A compra destes tres novos equipos supuxo un gasto de 5.304,5€ ao Concello. Responsables da sociedade cultural Tarroiba –da Asociación Veciñal de Cervo-, así como das asociacións de veciños de San Román e de San Xulián de Montoxo recibiron estes días os desfibriladores semiautomáticos, homologados para o seu uso por parte de persoal non sanitario.

Xunto con estas tres entidades, contan tamén en Cedeira con desfibriladores o campo de fútbol de O Beco, o Polideportivo Municipal, o CEIP Nicolás do Río, o Concello, o Auditorio e os locais sociais de Saa, Figueiras e Piñeiro.