Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ACORDA ADHERIRSE Á ASOCIACIÓN DE ENTIDADES LOCAIS POLA LINGUA GALEGA

O Concello de Cedeira acordou no último pleno da corporación a súa adhesión á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, cuxo obxectivo é promover a colaboración para potenciar o emprego do galego. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que “as administración locais temos entre as nosas competencias o fomento do uso da lingua galega, en todos os planos da vida pública, cultural e informativa” e explicou que, a través da integración nesta asociación, Cedeira poderá avanzar máis nese obxectivo a través da súa participación en proxectos colaborativos con outros concellos.

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega naceu a comezos de 2019 por iniciativa de 15 concellos galegos, co obxectivo de promover proxectos conxuntos cunha xestión máis eficiente no eido da normalización da lingua. Coa súa adhesión, o Concello de Cedeira dá un paso máis na súa política a prol do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados, na que é un piar esencial o Servizo de Normalización Lingüística.